NOVO MESOIRO
Novamente o PP impide ampliar tanto en persoal como en horario o Centro de Saúde de Novo Mesoiro
Pedimos no Parlamento unha nova praza de pediatría e matrona para o centro de saúde de Novo Mesoiro
O noso deputado Xosé Luís Rivas Mini criticou o veto do PP á demanda “xusta” dun barrio que ten a maior porcentaxe de poboación infantil da Coruña. “Xa nos gustaría que fose así no resto de Galiza”, indicou
O noso deputado pola Coruña Xosé Luís Rivas reclamou na Comisión de Sanidade a dotación inmediata dunha nova praza de pediatría e outra de matrona no centro de saúde de Novo Mesoiro así como a apertura do servizo tamén en horario de tarde, tendo en conta que se trata do barrio con maior porcentaxe de poboación infantil da Coruña.
Neste sentido, o parlamentario tirou de ironía na súa intervención (parte dela podes escoitala premendo aquí) ao describir Novo Mesoiro: “Estoulles a falar dun barrio diminuto, pequeniño, que como non chama a atención nin fai barullo dabondo está lixeiramente desatendido, non foi proxectado, ninguén sabe del e ten unha demografía decadente”. Por contra, salientou “Novo Mesoiro é todo o contrario e moito máis, cun dinamismo demográfico que xa quixeramos para o resto de Galiza”.
Rivas salientou que en 2015, con 9.000 habitantes, Novo Mesoiro tiña 896 menores de catro anos, pero o centro de saúde só atende en horario de mañá e dispón de dous facultativos e tres enfermeiras para unha poboación de 12.000 persoas, 1.800 menores, xa que aos habitantes deste barrio se suman os colindantes Feáns, Mesoiro e a urbanización Breogán.
O noso deputado trasladou ao Parlamento a vella demanda de Novo Mesoiro que leva anos reclamando unha mellor dotación de persoal para o centro de saúde, e habilitar a planta superior e, de xeito inmediato, unha nova praza de pediatría e de matrona así como a apertura en horario vespertino.
“Demandan ter un trato igualitario, non creo que esta veciñanza se estea tirando ao monte pedindo moito, penso que a demanda é razoable e xusta, o mínimo que deben ter”, salientou Rivas, quen reivindicou o dereito dos veciños e veciñas a “sentir” o orgullo de pertencer a un barrio dentro do conxunto da cidade.
O deputado criticou o veto do PP a iniciativa do Bloque que trasladaba as demandas de Novo Mesoiro, e amosouse convencido de que o barrio “tomará moi boa nota da negativa do PP e do Goberno da Xunta”, concluíu.
Podes ver o debate íntegro da comisión premendo aquí.
Santiago de Compostela, 8 de Xuño 2017.
Noticias relacionadas:
- Aprobada en Pleno a nosa moción que solicita instar a Xunta de Galiza dotar de medios ao centro de saúde de Novo Mesoiro
- Levamos ao Parlamento as deficiencias de servizos en sanidade e educación en Novo Mesoiro e Feáns
- Por que non se quere dotar o Centro de Saúde de Novo Mesoiro con máis persoal?
- O BNG leva ao Parlamento de Galiza as demandas da veciñanza de Novo Mesoiro polo centro de saúde
- Carril: "Hai 10.000 razóns para estar en Novo Mesoiro e para dotar o barrio de equipamentos"
- O BNG pide o restabelecemento do servizo de Pediatría de Novo Mesoiro
- Bravo reclama melloras en ensino e sanidade para o barrio de Novo Mesoiro