CONFERENCIA DE PRENSA CON MERCEDES QUEIXAS E AVIA VEIRA
Unha nova Lei de Saúde opaca, punitiva e que non reforza a sanidade pública galega
Explicouno así en conferencia de prensa a deputada nacionalista Mercedes Queixas, quen compareceu perante os medios na nosa sede comarcal na compaña da edil Avia Veira.
“Non houbo nin diálogo nin consenso. A sociedade galega ignora practicamente todo a respecto do contido concreto desta reforma”, dixo Queixas. A palabra que aparece con maior frecuencia no texto da lei é sanción. “Quérenos instalar nunha especie de Estado de Alarma permanente. Tratan os galegos e as galegas como se fósemos sospeitosos, cando a nosa xente ten sido absolutamente responsábel durante toda a pandemia, moito máis que a Xunta”, indicou Queixas.
A obsesión punitiva do PP non se ve acompañada por medidas que vaian na dirección de atender as necesidades máis prementes da sanidade pública. Nese sentido, o BNG xulga o proxecto como unha “oportunidade perdida”.
“Non se afrontan problemas tan graves como a falta de recursos na atención primaria, que tan dramaticamente se ten posto de relevo durante a pandemia, nin se aposta pola investigación ou por pór fin á precariedade laboral no sector”, considera Queixas, quen avanza que as emendas do BNG van precisamente no sentido de reforzar a sanidade pública galega.