LANZAMOS UN VÍDEO SOBRE A BASE DAS FOTOGRAFÍAS DUN VECIÑO DE LABAÑOU
Imaxes e palabras contra o cemento nas Percebeiras
Este é o argumento do vídeo que acaba de pendurar nas redes o Bloque Nacionalista Galego da Coruña, dentro da súa campaña contra un proxecto urbanístico que, se se consumar, colocaría un muro de cemento nun dos últimos espazos libres da beiramar da cidade, un efecto pantalla que, contra mesmo o planeamento do Concello, taparía a visión da Torre de Hércules desde a práctica totalidade da Avenida de Labañou.
As imaxes captadas pola cámara dese veciño de Labañou mostran con clareza como a cidade, chea de vivendas baleiras e abandonadas, non precisa de máis mamotretos e si de defender a súa identidade e o seu medio natural
“O que mostran as miñas fotografías”, di Manuel Bouzón, o veciño de Labañou protagonista deste vídeo, “é unha cidade que está a perder a súa historia, a súa identidade. E unha cidade que non coida a súa historia está a renunciar ao se futuro, sabes?”.
O movemento veciñal contra o proxecto das Percebeiras nace, entende Bouzón, dunha toma de conciencia, a que nace de comprender que “o desenvolvemento urbano tomado así unica e exclusivamente como negocio privado duns cantos o único que fai é empobrecer a vida das persoas”.
Este veciño de Labañou ten claro que a loita pola defensa deste privilexiado fragmento da beiramar coruñesa vai ser “unha batalla longa e moi dura”. “Imos ter que pelexar contra o Concello e contra os especuladores. Mais sei que gañaremos. Gañaremos porque non estamos sós. Sei que non estamos sós”, conclúe.