VETADAS POLO PP
As nosas emendas parciais aos orzamentos da Xunta: 92,6 millóns de euros máis para a cidade e comarca
As emendas xa foron debatidas e votadas en comisión no Parlamento galego. O trámite concluirá o próximo martes na votación definitiva dos orzamentos no Pleno.
“Infelizmente, o PP está a vetar as nosas emendas. Ao votalas en contra no debate en comisión, demostran o que xa anticipou o BNG cando se presentaron os orzamentos: A Coruña non está no mapa de prioridades do PP”, avalía a parlamentar do BNG Mercedes Queixas.
“Os denominados orzamentos expansivos máis altos da historia do Goberno galego”, denuncia Queixas, “desatenden a nosa cidade e comarca e penalizan o seu posicionamento no conxunto da economía galega”.
Critica a parlamentar nacionalista que as contas do Goberno galego para 2022 non contemplan o necesario reforzo dos servizos públicos. “Hai necesidades moi claras na cidade e na comarca que se puxeron dramaticamente en evidencia durante a pandemia e ás que estes orzamentos non dan resposta”, dixo, ao tempo que censurou que tampouco hai unha aposta por “un plan de industrialización que terme do emprego e críe valor na cidade e na comarca”.
"Como xa dixemos cando se presentaron estes orzamentos, A Coruña non está no mapa de prioridades do PP", remarca Mercedes Queixas
En contraste, o BNG pedía nunha das súas emendas parciais un incremento de 10 millóns de euros para a partida do Plan Director do CHUAC, ben como 2 millóns para a ampliación do persoal de pediatría dos centros de saúde, 3 millóns para a construción dun centro de día e 8 millóns para reformas e melloras nos centros de ensino. Un Plan de Industrialización Comarcal está orzado en 5 millóns de euros nunha emenda específica do BNG.
A vivenda é outra ausencia clamorosa nos orzamentos da Xunta. As cifras que a Xunta destina a esta materia son “exiguas” e non “están en correspondencia co déficit que arrastramos”, de aí que o BNG propuña nunha emenda inxectar 20 millóns de euros para financiar a construción de vivendas de promoción oficial.
E logo está o asunto de o Goberno Galego querer destinar diñeiro público para mercar terreos, os peiraos de Calvo Sotelo e Batería, que xa son públicos. “A mínima defensa do ben común ten que levar calquera persoa a se opor a iso. Nós o que defendemos, por contra, é que os 1,7 millóns de euros orzados para mercar terreos públicos vaian a outro destino”, di Queixas. “O PP instálase na lóxica de aceptar a aldraxe de se nos negar o que si lle concedeu a València, a condonación da débeda portuaria”, denuncia.
A vivenda é outra ausencia clamorosa nos orzamentos da Xunta. As cifras que a Xunta destina a esta materia son “exiguas” e non “están en correspondencia co déficit que arrastramos”
Tampouco as e os mariscadores da Ría do Burgo achan amparo nas contas da Xunta para 2022, carentes dunha partida para compensar o cesamento forzoso da súa actividade ao que se verán abocadas durante o tempo (26 meses como mínimo) que duren as obras da dragaxe. É por isto, que o BNG pide nunha emenda que se orcen 1,3 millóns de euros para estas compensacións.
En comisión, o PP vetou tamén emendas do BNG que visaban reforzar proxectos de futuro vertebradores da comarca como é a Cidade das TIC (propúñamos incrementar a partida en 3,5 millóns) ou o inicio da tan demorada Estación Intermodal (1 millón de euros).
De resto, o BNG propuña tamén unha partida de 20 millóns para financiar a gratuidade da AG 55.
ACHEGAMOS DOCUMENTO ANEXO COA RELACIÓN DAS 23 EMENDAS.