Non teñen sentido os desaloxos do Ofimático cando a viabilidade da urbanización non está garantida

Non teñen sentido os desaloxos do Ofimático cando a viabilidade da urbanización non está garantida

A Coruña, 20 de novembro de 2012.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, que hoxe, de novo, acompañou as persoas afectadas polos inminentes desaloxos polas obras do Ofimático sen teren garantido o seu dereito a unha vivenda mediante o realoxo inmediato, preguntase que sentido ten executar os desaloxos cando a viabilidade da execución da urbanización do ofimático (sistemas, dotación de servizos, equipamentos, infraestruturas, zonas verdes, accesos, etc) non está garantida polo Concello da Coruña.

Carril explica que o outorgamento de licenzas sen estar garantida a execución do conxunto da urbanización por parte do Concello da Coruña vai agravar o problema. A execución, sinala, correspóndelle ao Concello da Coruña, dado que o sistema de actuación é de cooperación (neste sistema os propietarios achegan o solo de cesión obrigatoria e a administración executa as obras de urbanización con cargo a eles) e isto implica que o Concello é quen está obrigado a executar a totalidade da obra urbanizadora, nos prazos e condicións que fixa o planeamento e o contrato. Así, non lle corresponde aos promotores tal deber (só o de pagar as cotas de urbanización), de modo que unha urbanización como a do Ofimático non pode facerse ao ritmo que marquen os promotores, como sinala o Goberno local.

O nacionalista advirte de que pouco serve outorgarlles tres ou catro licenzas ás cooperativas se as obras de urbanización xeral (sistemas, dotacións, equipamentos, infraestruturas) non se poden executar. Afirma que cando finalicen as obras dos edificios, o Concello da Coruña non poderá outorgar licenza de primeira ocupación, precisamente, porque as obras de urbanización non están finalizadas.

Pola outra banda, o Estudo de Detalle do Ofimático (actualmente en exposición pública e que se pode consultar na páxina web do Concello da Coruña) ten como finalidade declarada o reaxuste de rasantes, isto é, adaptar a obra urbanizadora dos viarios ao perfil do terreo existente, de modo que se adaptan as rasantes ao terreo, mais incrementando as pendentes para non ter que executar tantos movementos de terras e aforrar con isto custos económicos. O Grupo Municipal do BNG entende que, para iso, debería modificarse necesariamente o proxecto de urbanización e modificar o contrato adxudicado, na medida en que teñen como referente o proxecto de urbanización coas rasantes do Plan Parcial.

 

 

Non teñen sentido os desaloxos do Ofimático cando a viabilidade da urbanización non está garantida