"Non, señor Jorquera, non", respóndelle o Goberno Local ao BNG sobre se está satisfeito coa situación da limpeza na cidade

Jorquera
“Non, señor Jorquera, non”, respondeu Esther Fontán á pregunta formulada polo portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, sobre se o Goberno Local está satisfeito coa situación da limpeza e da recollida de lixo na cidade.
"Non, señor Jorquera, non", respóndelle o Goberno Local ao BNG sobre se está satisfeito coa situación da limpeza na cidade

“Grazas pola resposta, señora concelleira. Fico máis aliviado se realmente é consciente do problema”, dixo na súa réplica Jorquera para a seguir anotar que o BNG constata un “malestar social moi xeneralizado” a respecto da falta de limpeza na cidade. Fallan, dixo o voceiro nacionalista, todos os aspectos dun asunto que non dubidou en cualificar de complexo: desde a limpeza viaria até a recollida de lixo pasando polo tratamento dos residuos.

Con todo, e a pesar de afirmar que o Goberno Local non está satisfeito con como está a cidade, a resposta da concelleira caracterizouse pola ausencia de autocrítica. “Facemos un estrito cumprimento dos contratos”, veu dicir a respecto de se se estaban a supervisar as condicións dos pregos aos que se teñen que ater as concesionarias. “No tocante a maquinaria, persoal, contenerización e limpeza, están ao 100% de efectivos e maquinaria”, alegou.

Na súa intervencion, Jorquera salientou que non abonda con anunciar catro novas máquinas. Alén diso, “hai que controlar de xeito efectivo a calidade na prestación do servizo. Hai que esixir o cumprimento das cláusulas técnicas”. E “hai que aplicar o réxime sancionador” se se verificar que as concesionarias non materializan aquilo ao que veñen obrigadas polos contratos co Concello.

“Desde hai dous anos non se está a desenvolver o programa A Pé de Barrio”, censurou Jorquera e a resposta de Esther Fontán a esta denuncia política foi simplemente a de dicir que ese programa si que se está a facer, mais sen esa denominación. “Que non teña nome non quere dicir que non se estean a facer limpezas polos barrios”, dixo e afirmou que si que houbo “visitas” para sanear Nostián, Feáns, Bens, Palavea...

 

"Non, señor Jorquera, non", respóndelle o Goberno Local ao BNG sobre se está satisfeito coa situación da limpeza na cidade