PSOE E MAREA CONVOCAN UNHA XUNTANZA PARA DAR FALSA APARENCIA DE DIÁLOGO APÓS UNHA NEGOCIACIÓN ESCURANTISTA E EXCLUÍNTE

Non imos ir á reunión sobre os orzamentos porque "non temos vocación de sermos comparsas nunha choqueirada"

Francisco Jorquera e Avia Veira en María Pita.
O grupo municipal do BNG comunicou este luns 28 de febreiro que non asistirá á reunión sobre os orzamentos cos grupos municipais do PSOE e a Marea Atlántica á que foi convocado para o vindeiro mércores 2 de marzo ás 11h.
Non imos ir á reunión sobre os orzamentos porque "non temos vocación de sermos comparsas nunha choqueirada"

Despois de seis meses de negociación entre o PSOE e a Marea, feita con escurantismo e desde posicións sectarias e excluíntes, o PSOE e a Marea pretenden agora dar unha falsa aparencia de diálogo convocando os restantes grupos, na primeira semana de marzo, para escoitar as súas propostas co obxecto, segundo o concelleiro de Facenda e portavoz do Goberno Local, de que os “orzamentos se sometan á aprobación inicial do Pleno na primeira quincena de marzo”.

É dicir, despois de seis meses de negociación de costas ao resto da corporación e á cidadanía; despois de o Goberno Municipal ter roto unilateralmente o acordo de investidura subscrito co BNG no que se comprometía a iniciar a negociación dos orzamentos en setembro; despois de, o pasado mes de outubro, o Bloque ter trasladado as súas propostas sobre os orzamentos ao Goberno Local e ao resto dos grupos municipais sen recibir resposta…, despois de todo ese tempo, somos convocados no tempo de desconto, presuntamente para ser escoitados, unha vez que xa hai un acordo pechado entre PSOE e a Marea Atlántica.

Este xeito de proceder só pode entenderse como un paripé para ocultar a falta de capacidade de diálogo e de vontade negociadora dos grupos asinantes do acordo.

Por iso, segundo remarca o Voceiro do grupo municipal do BNG, Francisco Jorquera, “somos conscientes de que estamos en tempo de antroido, mais aínda así o BNG non ten vocación de ser comparsa dunha choqueirada”.

A convocatoria aos grupos só pode entenderse como un “paripé” para dar unha falsa aparencia de diálogo e ocultar así unha negociación feita con escurantismo e desde posicións sectarias e excluíntes

O BNG lamenta que o xeito de proceder do PSOE e a Marea Atlántica sumise o Concello nunha situación de parálise da que os principais prexudicados son os coruñeses e coruñesas, facendo que a cidade previsibelmente non teña orzamentos até o mes de abril, dous anos e dous meses despois da aprobación dos anteriores orzamentos.

“Lamentamos que estes grupos estivesen máis preocupados da escenificación que de atender os problemas da cidade, particularmente visíbeis estes días nos que os problemas no servizo de recollida de lixo ameazan con converterse nun problema de saúde pública”, acrecenta Jorquera.

O BNG reitera que a súa posición de voto nos orzamentos dependerá, unha vez estudado o proxecto, da atención aos criterios e prioridades contidos nas propostas feitas públicas polo noso grupo municipal o pasado mes de outubro.

De momento continuamos sen coñecer o proxecto de orzamentos e o que se presentou é un documento que ao que máis se parece é a un folleto de propaganda, engadiu Jorquera.

 

 

 

Non imos ir á reunión sobre os orzamentos porque "non temos vocación de sermos comparsas nunha choqueirada"