JORQUERA PÍDELLE AO GOBERNO LOCAL QUE ACTIVE XA A EXECUCIÓN SUBSIDIARIA
Non caben máis demoras: o Concello debe salvar xa os murais de Urbano Lugrís
“Desde o noso punto de vista, non ten sentido esperar máis. A integridade da obra corre riscos. O Concello ten que exercer a execución subsidiaria xa, isto é, proceder directamente a actuar para asegurar a correcta conservación dos murais cargándolle o custo aos propietarios”, indica Jorquera.
O candidato nacionalista á Alcaldía resalta que este 2023 é o 50 cabodano do xenial artista coruñés, sen dúbida un dos principais artistas plásticos da cidade no século XX. “É un artista que todos sentimos como propio”, indica.
Por tanto, neste 50 aniversario do seu falecemento ”a mellor homenaxe que lle podemos tributar a Urbano Lugrís é a conservación e exhibición dos seus murais”, ou sexa, rescatalos do abandono e facelos accesíbeis ás coruñesas e coruñeses.
Xa o pasado 13 de decembro, lembra Jorquera, o BNG trasladara ao Pleno do Concello unha iniciativa por medio da cal daba conta do estado lamentábel en que se acha o edificio da rúa Olmos 25, unha auténtica ameaza para a conservación dos murais.
“E despois de que o BNG solicitase o acceso aos expedientes e puidese constatar, a examinar as fotos, o seu mal estado, o Goberno Local”, relata, “anunciou que lle ía solicitar aos propietarios que actuasen de inmediato para
asegurar a súa conservación e que, caso de estes non faceren nada, procedería á execución subsidiaria”.
Ocorre que, a xuízo do BNG, esta espera non ten sentido porque o tempo corre en contra da conservación da obra, así que o lóxico é que o Concello active a execución subsidiaria sen agardar aos propietarios do inmóbel, conclúe Jorquera.