ENCONTRO DO BNG CO COMITÉ ANTISIDA DA CORUÑA

Un Plan de Inclusión Social e outro de Saúde Mental, en colaboración co Sergas, para A Coruña

Avia Veira con Sonia Valbuena 2 (2)
A concelleira do BNG Avia Veira –número 2 da lista do Bloque nas vindeiras eleccións municipais- mantivo un encontro coa directora do Comité Anti-Sida da Coruña, Sonia Valbuena, nun dos locais desta entidade social.
Un Plan de Inclusión Social e outro de Saúde Mental, en colaboración co Sergas, para A Coruña

“Coñecemos de primeira man o inmenso labor que realizan. Presentámoslles algunha das nosas propostas programáticas, mais sobre todo escoitamos as súas demandas e contrastamos as nosas visións sobre a situación social da cidade”, refire Veira.

Dous problemas destacan neste momento: o significativo aumento da drogadicción –nomeadamente a adicción á heroína- e o agravamento das doenzas mentais.

Un goberno local liderado polo BNG, avanza Avia Veira, enfrontará estes problemas co impulso dun Plan de Inclusión Social e outro de Saúde Mental, este último en colaboración co SERGAS ao ser a administración autonómica a que posúe as competencias en sanidade.

Avia Veira con Sonia Valbuena 2 (1)
Avia Veira, con Sonia Valbuena

“O Concello ten que dar a cara ante estes problemas. Sobre o aumento das drogradiccións cómpre impulsar campañas de concienciación social que sirvan tanto para previr como para lidar coas situacións que infelizmente xa existen”, remarca Avia Veira. A este respecto, o BNG propón a formación de equipos de profesionais interdisciplinares para tratar este fenómeno na rúa.

Canto ao agravamento das patoloxías de saúde mental, o goberno local liderado polo BNG, avanza Veira, priorizará “novos perfís” á hora de dotar con máis persoal as equipas de atención social nos centros cívicos municipais. Fan falta neste sentido psicólogos e psicólogas sociais.

De resto, o BNG considera “crucial” promover os servizos de mediación como “fórmula” para resolver os conflitos sociais, “da forma máis pacífica posíbel e sempre desde a empatía”.

Son, en definitiva, “un conxunto de medidas que temos que impulsar desde xa ante o agravamento de fenómenos que atinxen de maneira moi directa a saúde pública e que derivan infelizmente na exclusión social de moitas persoas”.

“Concordamos tamén coa directora de CASCO que, en todo caso, o labor das entidades sociais ten de ser complementaria das administracións públicas, pero nunca substitutoria destas”, conclúe Veira.

 

 

Un Plan de Inclusión Social e outro de Saúde Mental, en colaboración co Sergas, para A Coruña