UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA

Non aparece o acordo extraxudicial sobre o cárcere: un argumento ben aquelado para Expediente X!

Cárcere provincial
O pasado 14 de xuño, a concelleira do BNG Avia Veira solicitou por escrito ter acceso ao “acordo extraxudicial” ao que, de acordo con informacións xornalísticas, terían chegado o Concello e a Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios, organismo estatal que ostenta a titularidade do antigo cárcere provincial. Pois ben, en resposta a esta solicitude, o Goberno Local –en concreto a Dirección de Área De Urbanismo- afirma que “non ten documentación nin coñecemento de ningún acordo extraxudicial en relación ao antigo cárcere provincial”.
Non aparece o acordo extraxudicial sobre o cárcere: un argumento ben aquelado para Expediente X!

Mais esta afirmación do Goberno Local bate contra o que di o Goberno do Estado e contra o que aparece na web do SIEP (Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios) no apartado de contratacións. Alí pódese ler, nos pregos do contrato da seguridade privada para a antiga prisión, que “no mes de febreiro de 2021, o Concello dirixiuse a SIEPSE para propor suspender o preito pola demanda que esta sociedade ten contra o Concello e alcanzar un acordo extraxudicial. SIEPSE aceptou a proposta e no mes de maio de 2021 se producira un pleno acordo do convenio extraxudicial a asinar, sen que desde entón o Concello da Coruña procedese a súa sinatura”.

Ou sexa, segundo a SIEPSE si existe un acordo extraxudicial, só pendente de sinatura, mais o Goberno Local, en resposta ao BNG, asegura que non só non ten ningunha documentación ao respecto, senón que nin sequera ten coñecemento de “ningún acordo extraxudicial en relación ao antigo cárcere provincial”.

“O caso da solicitude do expediente do acordo extraxudicial sobre a prisión vai camiño de ter que ser resolto xa non pola alcaldesa, senón por Mulder e Scully, os protagonistas de Expediente X”, ironiza Avia Veira. “E non o dicimos porque este sexa un asunto para facer brincadeiras, por moito que semelle que o Goberno Local nos estea a tomar o pelo cunha cousa tan seria. Teñamos en conta que o proceso de deterioración do cárcere semella irreversíbel e que todo o edificio está xa en estado de ruina”.

O caso da solicitude do expediente do acordo extraxudicial sobre a prisión vai camiño de ter que ser resolto xa non pola alcaldesa, senón por Mulder e Scully, os protagonistas de Expediente X”, ironiza Avia Veira

Chove sobre mollado. Xa o 20 de maio, Veira solicitara do Goberno Local copia do último rascuño de convenio remitido pola SIEP ao Concello en relación á titularidade do cárcere. A resposta fora que en ningún servizo municipal existía ningún expediente ao respecto.

“Aquí hai unha clara responsabilidade política, a dun Goberno Local que en 3 anos de mandato non fixo nada por recuperar a cadea nin por acadar un acordo cun Ministerio dun goberno estatal que é da súa mesma cor política”, denuncia a concelleira nacionalista.

"Non estamos nin por que se pague 1,2 millóns de euros polo cárcere, nin por que se negocie unha quita. Estamos pola devolución gratuíta"

“Nós continuamos a propor o que é de xustiza para a nosa cidade: a devolución gratuíta dun edificio que foi levantado sobre un soar municipal e a súa rehabilitación por parte da Administración titular do inmóbel, responsábel co seu desleixo do estado de ruína actual en que se acha”, engade.

“Non estamos nin por que se pague 1,2 millóns de euros polo cárcere, nin por que se negocie unha quita. Estamos pola devolución gratuíta. E non imos pasar por menos”, conclúe.

 

Non aparece o acordo extraxudicial sobre o cárcere: un argumento ben aquelado para Expediente X!