ASEMBLEA ABERTA DO BNG DA CORUÑA

Néstor Rego ve no 10N "unha grande oportunidade para Galiza volver ter voz no Congreso"

IMG_20191007_201722
Un momento da asemblea
Galiza estivo estes últimos anos “ausente” no taboleiro da política estatal, un factor que sen dúbida agravou a situación de “emerxencia social e nacional” pola que atravesa o país. Así o manifestou esta tarde na Coruña o número un do BNG pola provincia nas próximas eleccións xerais, Néstor Rego, durante a súa intervención na Asemblea Aberta realizada polo Bloque da comarca da Coruña no Centro Universitario de Riazor (CUR).
Néstor Rego ve no 10N "unha grande oportunidade para Galiza volver ter voz no Congreso"

O BNG está determinado a pór fin a esa ausencia do país. “Afrontamos as eleccións coa convicción de que é perfectamente posíbel recuperarmos a representación no Congreso dos Deputados. Estamos ben situados e cada día a gañar máis apoios”, dixo Néstor Rego, quen subliñou que este mesmo luns a organización nacionalista recibiu o respaldo de Compromiso por Galicia, forza coa que asinou un documento programático. “Hai xa moita xente que adquiriu conciencia de que non podemos volver confiar nas forzas políticas de ámbito estatal porque non se preocupan dos nosos problemas específicos”, engadiu. Así, puxo en destaque que persoas referenciais do ámbito do activismo social, cultural ou lingüístico van integrar as listaxes do BNG.

“Somos a única candidatura galega, ou sexa, sen ningunha dependencia exterior, que concorre a estas eleccións”, subliñou Rego.

IMG_20191007_201319

O 10N constitúe, por tanto, unha oportunidade para “Galiza volver ter voz propia no Congreso”, sen a cal o país está virtualmente indefenso en Madrid. “Temos problemas moi graves —unha crise demográfica galopante, nestes últimos dez anos emigraron do país perto de 300 mil persoas e, porén, continuamos a ter índices moi altos de paro— e ningún deles é atendido nin por quen goberna en Madrid nin por quen goberna en Compostela”, alegou Rego, para quen “cada vez fica máis claro que apoiar a forzas políticas estatais non ten a menor utilidade para defender os nosos intereses sociais e nacionais”.

Sobre a evidente irritación que existe no seo da sociedade galega pola incapacidade dos partidos estatais á hora de se poñeren de acordo para desbloquear a situación política, Rego pediu que “ese cabreo non se transforme en abstención”, senón nunha “clara aposta por unha forza política galega e claramente alternativa, polo Bloque Nacionalista Galego”. “Apelamos a todas as persoas que están insatisfeitas co espectáculo da política madrileña, que están insatisfeitas con que puxesen os seus intereses partidistas por cima das preocupacións da xente, que están insatisfeitas coa ausencia da Galiza no estado durante os últimos anos”, concluíu.

 
 

Néstor Rego ve no 10N "unha grande oportunidade para Galiza volver ter voz no Congreso"