AS CONVERSAS CONTINÚAN E JORQUERA REMARCA: "OS VINDEIROS DÍAS SERÁN DECISIVOS"
Negociación dos orzamentos: principio de acordo sobre os participativos e as bases de execución
No encontro coas e cos xornalistas, Jorquera anunciou que xa hai un “principio de acordo” sobre a recuperación dos orzamentos participativos -suprimidos polo Goberno Local na elaboración das contas de 2025- e a respecto das bases de execución dos presupostos.
Estas dúas cuestións -e a conxelación das taxas, asunto que se concretou o pasado 6 de novembro coa aprobación inicial das ordenanzas fiscais- foron cualificadas polo BNG como “premisas de partida para facer posíbel un acordo orzamentario”.
Ao chegarse a un principio de acordo sobre elas, prodúcese un claro avanzo na negociación.
A recuperación por parte do Pleno das competencias perdidas á hora de aprobar calquera modificación orzamentaria -niso consiste o acordo sobre as bases de execución- é fundamental á hora de garantir o control democrático das contas por parte da Corporación.
“Se me permitides a ironía, e dado que o PP insistiu tanto neste asunto, até o punto de faltar a verdade culpando o BNG da mudanza das bases de execución no orzamento 2025, estamos seguros de que agora teremos o seu aplauso, ao recuperar todas as competencias plenarias”, chanceou o portavoz nacionalista.
Solventadas estas cuestións, a negociación continúa, relatou Jorquera, quen referiu que ao comezo das conversas o BNG trasladou ao Goberno Local “un documento moi detallado coas nosas propostas”.
Un documento coas prioridades que para o BNG deben orientar a elaboración dos orzamentos.
“A primeira, reforzar e mellorar as políticas de vivenda, no ámbito que lle cabe ao Concello e tendo en conta que a administración que ostenta a maior parte das competencias nesta materia é a Xunta. A segunda, pór os barrios realmente no centro, priorizando neles os investimentos. A terceira, garantir unha dotación orzamentaria suficiente para regularizar os moitos servizos públicos que, en réxime de concesión, se están a prestar en precario”, salientou Jorquera.
Tamén son prioridades para o BNG a aposta decidida pola accesibilidade universal e a mellora significativa do servizo de limpeza, ben tamén como a atención ás infraestruturas e entidades culturais e deportivas de base e aos equipamentos culturais.
A vivenda, os investimentos nos barrios, a regularización dos servizos públicos concesionados para que se deixen de prestar en precario, a aposta pola accesibilidade e a mellora do servizo de limpeza están a ser as prioridades do BNG na negociación
De todos xeitos, precisou Jorquera que “para o BNG a prioridade é asegurar que A Coruña teña uns bos orzamentos, que respondan ás demandas e necesidades da cidadanía, antes do que apresármonos para fixar unha data para a súa aprobación”.
O portavoz nacionalista puxo en valor o estilo de oposición do BNG: “Continuamos centrados en facer un exercicio do noso labor útil e construtivo”.
Entende Jorquera que “nestes tempos de degradación do debate público que tanto fastío provocan en moita xente” as coruñesas e os coruñeses demandan “outro xeito de facer política”, con propostas en positivo “e combinando o exercicio da crítica, que nos corresponde como forza que está na oposición, coa vontade de dialogar e de chegar a acordos se son bos para A Coruña”.
“Quero recalcar...”
Quixo recalcar Jorquera que “o que estamos a negociar non é se o BNG apoia os orzamentos do PSOE”. “O que estamos a negociar son os orzamentos do Concello da Coruña. Que A Coruña teña os orzamentos que necesitan as coruñesas e os coruñeses”, esclareceu.