Jorquera insta a alcaldesa a que esclareza os feitos denunciados por dúas ex concelleiras socialistas
Non quixo restar a máis mínima importancia aos episodios denunciados, mais esclareceu que non estaríamos nin perante un suposto acoso sexual nin diante dun suposto acoso laboral, “porque non estamos a falar dunha relación entre xefes e persoal subordinado”.
“Estamos a falar, de ser certo, de broncas, leas, maos modos e mesmo presunto hostigamento entre cargos electos, membros do mesmo Goberno e do mesmo grupo municipal”, afirmou, ao tempo que remarcou que se trata de “feitos lamentábeis porque en todos os ámbitos da vida as persoas merecen respecto”.
Todo o cal leva Jorquera a declarar que “faría ben o PSOE en investigar e aclarar o sucedido, dado que estamos a falar dunha denuncia interna”. E debe facer o propio, esclarecer este episodio, a propia Inés Rey “porque estamos a falar de persoas que facían parte do seu goberno no pasado mandato”, alén do feito, lembrou, de a alcaldesa ser tamén a secretaria xeral do PSOE da Coruña.
Para Jorquera, é inevitábel pensar que o feito de estas denuncias trascenderen agora -e non cando os episodios presuntamente se produciron- "ten a ver cunha guerra interna no PSOE galego e no PSOE coruñés".
"E iso tamén é grave porque o PSOE é o partido que goberna na Coruña e non é bo para a cidade que no partido que está no goberno se vivan estas situacións", concluíu.