AS PREGUNTAS ORAIS DO BNG AO EXECUTIVO CORUÑÉS
Sen musealización da Luís Seoane á vista, o Goberno Local culpa a Xunta da perda do modelo húmido seco e anuncia mudanzas na cita previa da Millenium
Tal foi o núcleo da pregunta que lle dirixiu Veira ao Goberno Local na sesión vespertina do Pleno de febreiro. A resposta foi totalmente evasiva por parte do tenente de alcalde, Juan Ignacio Borrego. Limitouse a afirmar que a fundación foi creada durante un goberno municipal do PSOE e que o actual Executivo coruñés xa licitou as obras de reparación da climatización do edificio, “que se abordarán nos vindeiros meses”.
Mais sobre o incumprimento dos fins da Fundación, sobre o proxecto de musealización –cuxa non materialización empurrou a un dos testamentarios de Luís Seoane, o poeta Xavier Seoane, a abandonar o Padroado da institución- o concelleiro non dixo nin unha palabra. Nin sobre iso nin sobre por que non se exhiben con regularidade as obras de Luís Seoane.
Na súa intervención, Avia Veira salientou que os motivos da marcha de Xavier Seoane son “os mesmos que levaron a que desde o BNG trasladásemos ao Pleno, en febreiro de 2021, unha moción para instar o Goberno Local a que se animase de vez a impulsar a Fundación Luís Seoane”.
Esa moción foi aprobada por unanimidade, o problema, sinalou Veira, é que o Goberno Local non fixo nada para lle dar cumprimento. A iniciativa demandaba non só o acondicionamento dun edificio que se acha en mal estado, senón que tamén reclamaba a posta en valor do legado e obra do artista nado en Bos Aires “como un elemento de atracción cultural da nosa cidade e unha ferramenta de proxección da Coruña no eido das artes plásticas”.
“Pedíamos que o Goberno Local traballase man con man co Padroado para definir un proxecto museístico para converter a Fundación Luís Seoane nun centro de referencia da arte contemporánea galega”, detallou Veira.
Non se fixo nada e nesa inacción ve a nosa concelleira “o enésimo síntoma da ausencia absoluta dunha política cultural digna de tal nome por parte do goberno de Inés Rey”. Para o BNG, subliñou, “este Goberno Local non se apea do grande espectáculo e dos macroeventos, pero nin mira para a cidade nin para o talento nin para a potencia das súas infraestruturas culturais nin para o seu tecido cultural de base”.
A ausencia de política cultural do Goberno Local vea Veira en que se celebre “como tal cousa” o 25 aniversario de Viñetas desde o Atlántico ou en que non se reaccione “ante a marcha dun membro do Padroado da Fundación Luís Seoane” ou en que non se traballe en todo o mandato para recuperar o proxecto artístico do MAC ou non se lle dea importancia ao movemento “dun grupo de persoas e entidades da cidade cando impulsan o recoñecemento pola UNESCO da Coruña como cidade literaria”.
Excepción coruñesa, o modelo húmido seco de tratamento de residuos
Que fixo a alcaldesa para lograr que o Goberno do Estado, como si fixo con Córdoba, admitise o modelo húmido seco de tratamento de residuos, o modelo coruñés de Nostián? Inquiriu o noso portavoz e candidato á Alcaldía, Francisco Jorquera.
A pregunta respondeuna a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, quen basicamente optou por desprazar a responsabilidade á Xunta. O Estado tería dito que non á excepción coruñesa porque esta non contaba co beneplácito da Consellaría de Medio Ambiente, relatou Fontán.
Jorquera defendeu o modelo húmido seco porque é máis barato, mobiliza só catro contedores (fronte aos 5 que impón a nova lei estatal), ocupa menos espazo público e, aínda por riba, recicla máis volume de lixo. É, por tanto, máis sustentábel e menos contaminante.
Na súa resposta, a propia Fontán admitiu que o modelo húmido seco “lévao a cidade da Coruña no seu propio ADN”.
O problema é que ese modelo non foi suficientemente defendido polo Goberno Local diante do Estado, subliñou Jorquera, quen inquiriu sobre as xestións feitas directamente pola alcaldesa ante Madrid.
Fontán limitouse a referir que en todo momento o Goberno central condicionara o recoñecemento da excepcionalidade coruñesa a un aval da Xunta que non se deu alcanzado. Froito desa falta de apoio, o Ministerio para a Transición Enerxética e o Reto Demográfico tería comunicado ao Concello que A Coruña non tiña cabida na excepcionalidade que contempla a lei.
“Mais aquí faltou vontade política por parte do Goberno do Estado, que é da mesma cor que o goberno de María Pita”, critica Jorquera.
O voceiro nacionalista cuestionou tamén por que a alcaldesa non convocou a mesa de alcaldes do Consorcio das Mariñas, sen o concurso do cal a planta de Nostián tería seriamente comprometida a súa viabilidade.
A ese respecto, Fontán foi tamén evasiva, dixo que ela si tivera “contactos técnicos”, mais que ao seu departamento non lle corresponde a “axenda institucional” da alcaldesa. Dixo que en todo caso o Consorcio era coñecedor da falta de apoio da Xunta á excepcionalidade coruñesa e do consecuente non recoñecemento por parte do Estado.
Sobre a Tarxeta Millenium
Cuestionado pola concelleira do BNG, Avia Veira, sobre o colapso do servizo de atención ao público para acceder á Tarxeta Millenium –darse de alta, pedir unha nova tarxeta por estrago ou perda de anterior...-, o concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Francisco Dinís Díaz Gallego, anunciou que o Goberno Local vai mudar o sistema de cita previa
“Actualmente é por quendas de 15 días, sen permitir citas para despois deses 15 días. Imos modificar o sistema para dar as citas diariamente”, anunciou, de modo a que si se poda programar presenzas en algún momento dos quince días seguintes.
Díaz Gallego negou que houbese un colapso do servizo de atención ao público e afirmou que, tal e como demandaba o BNG, xa estaba descentralizado nos 4 rexistros municipais. “Non se trata de falta de persoal, senón da alta demanda destas tarxetas”, dixo.
Na súa intervención, Avia Veira puxo en destaque que de nada vale rebaixar o custo da Tarxeta Millenium se logo “nin en xaneiro nin en febreirio hai citas para moitos trámites relacionados con este servizo”.
“Como imos as persoas que temos estragada a tarxeta e non podemos empregar a aplicación do móbil por distintos motivos beneficiarnos desta rebaixa que se aplicará até mediados de ano se cando menos en xaneiro e febreiro non hai citas para moitos trámites da Millenium?”, preguntouse Veira.
As persoas que ficaron sen cita teñen que pagar a día de hoxe 1,30 euros por billete, “non 0,38, nin 0,12 nin 0,15”.
“Se isto vai para longo”, urxiu Veira, o Goberno Local debería habilitar algunha medida para que a veciñanza que non ten Millenium, mais si dereito a tela, e que é desempregada, ten fillos menores de 13 anos, perdeu ou ten estragada a tarxeta, se poda beneficiar dos descontos.
Díaz Gallego non anunciou ningunha medida nesa dirección.