LUZ VERDE ÁS TRES MOCIÓNS DO BNG, DÚAS DELAS POR UNANIMIDADE
A iniciativa do BNG, o Pleno pide que non se destine diñeiro do Concello a mercar Batería e Calvo Sotelo
A moción obtivo o apoio de PSOE e Marea Atlántica, mentres que o PP optou pola abstención.
Explicou Jorquera que o BNG levaba este asunto ao Pleno após, nun recente debate radiofónico, PP e PSOE patentizaren unha mudanza de postura ao anunciar que xa non lle vían sentido a o Concello destinar partidas orzamentarias para a adquisición dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo.
Mudanza porque Xunta e Concello tiñan acordado que a Administración local destinaría 15 millóns de euros para se facer co 75% dos peiraos, en tanto que a galega ficaría co 20% da titularidade dos terreos (5% sería para a Autoridade Portuaria).
O asunto é que esa nova posición foi, no que ten a ver co PP, posteriormente desmentida polo presidente da Xunta.
O PP abstense, a pesar do seu portavoz manifestar nun debate que xa non lle vía sentido a incluír nos orzamentos do Concello partidas para a adquisición de Batería e Calvo Sotelo
Compría, por tanto, esclarecer o asunto e facelo votando unha moción no Pleno cun contido inequívoco: o compromiso de non incluír nos orzamentos partidas para adquirir terreos que son da cidade, que foron gañados ao mar e que, ao se liberar de usos portuarios, deberían ser restituídos ao patrimonio público sen ningún custo para a facenda municipal.
A moción requiría tamén revisar o convenio de 2004 e modificar o PXOM por permitir uns aproveitamentos urbanísticos e terciarios en terreos portuarios que en absoluto se corresponden coas necesidades da Coruña de hoxe. Igualmente, o BNG demandaba con esta iniciativa que o Goberno Local impulse a constitución dun Consorcio para acometer a transformación dos terreos do porto interior.
Sen esquecer, claro, a condonación da débeda do porto. “O que vale para València ten que valer para A Coruña”, reclamou Jorquera, quen tamén defendeu que se abra un proceso de participación cidadá para definir como ten de ser a futura fachada marítima da cidade.
Apoio unánime ás mocións sobre o patrimonio e o proxecto da EIM A Caracola
De resto, o Pleno aprobou por unanimidade as mocións sobre a protección do patrimonio e sobre un modelo de tratamento de residuos que dea impulso a proxectos comunitarios como o da Escola Infantil Municipal A Caracola, defendidas por Avia Veira e Francisco Jorquera, respectivamente.
A moción sobre o patrimonio empraza o Goberno Local a que se vixilen arqueoloxicamente as obras de Santo Amaro –onde en tempos existiu un castelo, unha fonte e unha capela- e que, no caso de Visma, se rectifique o proceso de urbanización para protexer a Arqueta dos Frades. Igualmente, Veira instou o Goberno Local a que, tal e como demandan os colectivos O Mural e In Nave Civitas, se dirixa á Xunta para reclamar a declaración como BIC dos murais de Urbano Lugrís sitos nun inmóbel abandonado na Rúa dos Olmos.
Apoio unánime ás mocións sobre o patrimonio –Vixilancia arqueolóxica no Polígono de Santo Amaro, Arqueta dos Frades e murais de Urbano Lugrís – e sobre o apoio ao proxecto de compostaxe comunitaria da EIM A Caracola
Canto á iniciativa sobre un modelo virtuoso de tratamento de residuos –que ten de se alicerzar sobre a redución, reciclaxe e reutilización-, Jorquera pediu apoio do Concello para o proxecto de compostaxe comunitaria da Escola Infantil Municipal A Caracola.
Un proxecto modélico que precisa para se desenvolver con todo o seu potencial unha maior colaboración por parte do Concello. “Precisan composteiros e unha trituradora”, referiu Jorquera. A concelleira de Medio Ambiente comprometeuse a fornecerlle estes elementos á EIM A Caracola. Fiscalizaremos que así sexa.