QUE RENTABILIDADE VAI OBTER O OPERADOR PRIVADO QUE PARTICIPE NA OPERACIÓN?, INQUIRE O PORTAVOZ NACIONALISTA
Mundial 2030: Jorquera pídelle ao Goberno Local que esclareza o financiamento do proxecto
Para realmente falarmos dun proxecto de cidade, o Goberno Local non só tería de contar con todos os grupos con representación na Corporación, senón tamén nomeadamente co Deportivo.
“Na definición deste proxecto é necesario procurar o consenso co Deportivo, principal clube da nosa cidade e principal usuario do Estadio de Riazor”, remarca Jorquera.
Alén diso, e sempre a partir da información de que dispomos (exclusivamente a través dos medios de comunicación), o BNG estima que “hai aspectos do proxecto que é imprescindíbel clarificar” e que á hora de abordar un investimento deste calibre -estimado en máis de 100 millóns de euros- o Goberno Local tería que ter en conta que as necesidades deportivas da cidade van alén do estadio de Riazor, “pois hai unha evidente insuficiencia de instalacións deportivas municipais e moitas das existentes necesitan de importantes reformas e melloras”. “Hai que valorar tamén a propia sustentabilidade das finanzas municipais”, alega.
A principal incerteza que paira sobre o proxecto ten a ver co seu financiamento, con informacións xornalísticas -baseadas en fontes do Executivo coruñés- que establecerían un reparto dos custos conforme ao seguinte reparto: o 40% recaería na Xunta, 20% na Deputación, 30% nunha sociedade mercantil de capital privado e 10% polo Concello.
A ese respecto, Jorquera quere saber que compromisos teñen adquirido outras administracións, tendo en conta que no acto de presentación do proxecto decorrido o sábado en María Pita o conselleiro Diego Calvo desmentiu esas porcentaxes.
Jorquera pide que á hora de abordar o proxecto se teña en conta que as necesidades deportivas da cidade van alén do estadio de Riazor, cunha evidente insuficiencia de instalacións e con moitas das existentes necesitadas de reformas e melloras
E canto á eventual participación dun operador privado, Jorquera pregúntase “que aproveitamentos obtería esa sociedade a cambio da súa achega” e se xa se ten un compromiso cunha sociedade determinada “por que non houbo posibilidade de que se presentasen distintas ofertas en réxime de concorrencia competitiva?”. “Son cuestións que as coruñesas e coruñeses teñen dereito a saber”.
A veciñanza tamén ten dereito a saber por que o Goberno Local opta por unha ampliación a 48.000 espectadores cando os mínimos fixados pola FIFA son de 40 mil. Jorquera cuestiona que o aumento da capacidade de Riazor se axuste “ás necesidades e á demanda real, pensando non só no mundial, senón na utilización posterior do estadio” e inquire o Executivo coruñés se avaliou o impacto que unha ampliación desa envergadura “terá non só nos custos da construción, senón tamén no posterior mantemento da instalación”.
Canto ao uso de Riazor para albergar grandes eventos -concertos, etc-, falta por saber se se contemplan medidas para “evitar a deterioración e necesidade de reposición do céspede”. “Caso contrario, avaliouse o custo que conleva tras cada evento o reacondicionamento ou reposición do campo de xogo?”, cuestiona o portavoz nacionalista. “Quen vai asumir os custos da conservación e reparación do céspede?”, pregunta Jorquera.