JORQUERA ALERTA SOBRE UNHA SITUACIÓN QUE PODE DERIVAR EN PROBLEMA DE SAÚDE PÚBLICA, MAIS TAMÉN DE SEGURIDADE CIDADÁ APÓS A QUEIMA DE CONTEDORES

Apoio ás medidas anunciadas pola alcaldesa sobre a folga do lixo, en cumprimento do aprobado no Pleno a instancias do BNG

IMG-20240719-WA0001
Bombeiros intervindo após a queima dun contedor
O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, manifestou o apoio do BNG ás medidas extraordinarias anunciadas este venres por Inés Rey en relación á folga no servizo de recollida do lixo. O anuncio feito pola alcaldesa dá cumprimento ao aprobado no Pleno do pasado 4 de xullo precisamente a instancias da formación nacionalista.
Apoio ás medidas anunciadas pola alcaldesa sobre a folga do lixo, en cumprimento do aprobado no Pleno a instancias do BNG

“Manifestamos o noso apoio ás medidas anunciadas por Inés Rey”, afirma Jorquera, quen a seguir salienta que o Pleno do pasado 4 de xullo aprobou un texto do BNG por medio do cal se instaba o Executivo coruñés a adoptar as medidas extraordinarias que fosen necesarias para evitar que a situación derivase nun problema de saúde pública.

De resto, Jorquera alerta de que “non estamos só ante unha situación que pode pór en risco a saúde das coruñesas e os coruñeses, senón tamén ante un conflito que pode provocar un grave problema de seguridade cidadá, como se viu coa queima de contedores en distintos puntos da cidade, algúns dos cales mesmo puido provocar o incendio dalgún edificio, coas consecuencias terríbeis que diso se podería derivar”.

Naturalmente o BNG defende o dereito das e dos traballadores á folga, mais o que está a acontecer na cidade “non é unha folga ao uso”, senón unha “chantaxe inaceptábel” por parte dun grupo -investigado por graves delitos-que se quere arrogar as competencias sobre a contratación e a promoción interna do persoal nunha empresa concesionaria dun servizo de titularidade municipal. “E esa pretensión é absolutamente inadmisíbel”, conclúe.

 

 

Apoio ás medidas anunciadas pola alcaldesa sobre a folga do lixo, en cumprimento do aprobado no Pleno a instancias do BNG