Só un plan estratéxico pode garantir a viabilidade do Consorcio para a Promoción da Música
Queixas abstívose na aprobación dun recoñecemento extraxudicial de obrigas por un valor superior aos 400.000 € como forma de expresar a seria preocupación do BNG sobre os problemas estruturais que o Consorcio para a promoción da música vén arrastrando. A propia Intervención municipal recolle no informe achegado hoxe que o organismo participado polo Concello da Coruña non dispón de recursos suficientes en 2024 para asumir todas as súas obrigas e queda, de feito, nunha situación de “iliquidez” só subsanábel se os Orzamentos de 2025 garantisen unha situación de superávit.
“No BNG preocúpanos”, expresou Mercedes Queixas, “que unha falta de recursos que é xa estrutural estea comprometendo moi seriamente un dos obxectivos cos que no seu día naceu o Consorcio: o formativo”. A concelleira nacionalista tamén constata, a raíz da reunión deste mediodía, que o acordo ao que o BNG chegou co PSOE no marco dos Orzamentos para este ano para acrecentar en 250.000 € a dotación que se achega á Escola Municipal de Música, dependente do Consorcio, non se está a cumprir.
O BNG considera esencial garantir a viabilidade do Consorcio para a promoción da música a longo prazo mediante decisións e pasos firmes que requiren, necesariamente, da implicación activa das distintas administracións que son parte do organismo. Nomeadamente, e máis unha vez, á Xunta de Galiza para que asuma as súas responsabilidades no marco do convenio asinado no seu día, as cales segue a incumprir.
O BNG segue considerando tamén como algo imprescindíbel que se revisen de vez as condicións económicas para o uso do Palacio da Ópera ou que se estude con seriedade a vía de acrecentar os patrocinios como fonte de captación de recursos.
“O esencial”, conclúe Mercedes Queixas, “é abordar un plan estratéxico serio e rigoroso, precedido dunha necesaria auditoría, que garanta ao Consorcio para a promoción da música viabilidade no longo prazo”.