É moito hora de se modificar a ordenanza para as persoas donas limparen con auga os ouriños das súas mascotas
Sobre este asunto, o BNG interpelou o Goberno Local no Pleno do pasado xoves por medio dun rogo.
“Son incontábeis as queixas de veciñas e veciños pola sucidade e os problemas de hixiene provocados polas feces e os ouriños de mascotas na vía pública”, afirma Francisco Jorquera. “Nada costa que os donos e donas de mascotas leven consigo unha botella de auga para limpar os ouriños. Porén, son poucas persoas as que o fan. A consecuencia é que moitas veces as beirarrúas e fachadas de edificios teñen restos de ouriños”.
A solución pasa por introducir nas ordenanzas a obrigatoriedade específica de que limpen con auga os ouriños e se impoñan as sancións correspondentes cando non cumprisen con esta obriga.
O BNG entende que o Goberno Local debe levar a cabo campañas de información e sensibilización para as persoas donas se responsabilizaren da limpeza dos espazos nos que as súas mascotas defecan ou ouriñan.
“Agardamos que o Goberno Local atenda o noso rogo do pasado xoves e modifique canto antes as ordenanzas. É o que esperan tamén moitas veciñas e veciños da nosa cidade”, conclúe Jorquera.