AVIA VEIRA: "SON VOSTEDES QUEN GOBERNAN. NON NOS PIDAN QUE FAGAMOS NÓS O SEU TRABALLO"
Celemín continúa sen precisar cando vai presentar a demanda sobre a Casa Cornide e suxire que sexa o BNG quen o faga
Celemín foi interpelado sobre esta cuestión pola concelleira do BNG Avia Veira durante a sesión de control ao Goberno Local, nas preguntas orais do Pleno do Concello.
“Queremos saber cando o Concello vai presentar a demanda para recuperar a Casa Cornide, tendo en conta que hai 9 meses que o Goberno Local ten no seu poder un informe de tres profesores da UDC que explican que esa demanda é viábel e mesmo explicitan como se podería enfocar”, dixo Avia Veira.
“En que punto nos encontramos?”, respondeu Celemín. E respondeuse a si propio nestes termos: “Pois na fase de preparación da demanda. Unha cuestión que non é sinxela. E aquí non vou ser explícito, non por transparencia, senón por non dar pista á outra parte. Estamos barallando diferentes hipóteses e varias maneiras de proceder. Cando cheguemos á conclusión, con expertos na materia, sobre cal é a mellor vía para a demanda, tomaremos dita decisión”.
Non hai por tanto ningún avance e ningún calendario na cabeza do concelleiro, entende o BNG. A demora en formular a demanda non se entende tendo en conta que xa hai 9 meses que ten na súa man os informes da UDC, remarca Veira.
Mais a concelleira nacionalista preguntoulle tamén a Celemín por que non lle está a esixir o Concello á Dirección Xeral do Patrimonio que exerza as súas competencias e garanta que a familia Franco cumpra coas súas obrigas decorrentes da publicación no DOG da incoación do procedemento para declarar a Casa Cornide como BIC.
Polo simple feito de se ter publicado na DOG esa incoación, a familia Franco está obrigada a manter aberto ao público a Casa Cornide 4 días á semana, no mínimo 4 horas ao día. Non o está a facer.
Celemín obviou totalmente este asunto na súa resposta. Limitouse a dicir que a Casa Cornide é BIC porque así llo demandou o Concello á Xunta de Galiza.
“Se a familia Franco está a incumprir con esta obriga tan evidente, a de abrir ao público a Casa Cornide, moito nos tememos que estea a incumprir tamén outras obrigas non tan evidentes, como a notificación do traslado de bens móbeis que se atopan no interior do palacete”, dixo Veira.
A concelleira nacionalista tamén inquiriu o membro do Goberno Local sobre cando vai convocar o Consello da Memoria Democrática e cando se vai dar cumprimento a pronunciamentos do Pleno a favor da retirada de honras e distincións a alcaldes franquistas e a cómplices dos crimes da ditadura.
Ve Veira especialmente “terríbel e vergoñento” que por parte do Goberno Local non se tomase ningunha decisión no que ten a ver con Sergio Peñamaría de Llano “porque o Pleno do Concello do Barco aprobou por unanimidade, co voto favorábel de PP, PSOE, BNG e Riada Cidadá, solicitarlle ao Concello da Coruña a retirada de honras e distincións a Sergio Peñamaría de Llano polos crimes cometidos na súa comarca”. “Temos desde este grupo municipal trasladado esa petición ao Goberno Local e non se ten feito nada. E o barrio do Ventorrillo continúa a ter unha rúa que leva o seu nome”.
Sobre estas cuestións Celemín non dixo absolutamente nada. Argumentou que só respondería ao enunciado da pregunta oral, relativa só á Casa Cornide, e que por falta de tempo non falaría de ningún outro asunto.
Porén, si atopou tempo para lle suxerir ao BNG que, se tanta présa ten por recuperar a Casa Cornide, fose o Bloque o que se adiantase ao Concello e presentase el a demanda.
“Quen goberna é o Goberno Local. É unha falta de respecto que lle pida ao BNG que faga o seu traballo, señor Celemín”, retrucoulle Avia Veira. “Deixe de se enroscar nun círculo de escusas e tome xa decisións políticas”, concluíu.