PREGUNTA POR ESCRITO DE AVIA VEIRA
É moita hora de trasladar o Plan de Normalización Lingüística ao concello!
Pois ben, a concelleira do BNG Avia Veira, através dunha pregunta por escrito, insta o Goberno Local a que aplique ese principio básico da oferta positiva e que o faga en concreto no que atinxe á "sinalización de lugares e instalacións". En concreto: galeguizar letreiros que neste momento aparecen en castelán como "Ciudad Vieja", "Casa del Hombre", "Casa de las Ciencias" o "Casa de los Peces" -nomeadamente naqueles espazos dependentes do concello ou naquelas entidades coas que a Administración local ten asinados "convenios cuantiosos".
A oferta positiva e a cortesía teñen que se trasladar tamén á páxina web do Concello da Coruña, cuxa aparición on line por defecto é en castelán. "En atención ás indicacións de oferta positiva e oferta informativa do Plan Xeral de Normalización Lingüística, a páxina web municipal debera aparecer en primeiro lugar e por defecto en galego", di Avia Veira.
A oferta positiva e a cortesía teñen que se trasladar tamén á páxina web do Concello da Coruña, cuxa aparición on line por defecto é en castelán
Na súa cuestión por escrito, Veira pregunta ao Goberno Local se é consciente de que a maior parte da sinalización na cidade está en castelán e se, por exemplo, no proceso de mudanza dos colectores do lixo vaíselle solicitar á nova empresa concesionaria que os rótulos e letreiros estean en galego.
Inquire tamén a concelleira se o Goberno Local "vai mudar progresivamente" a sinalización das instalacións municipais "para que esta poida estar en galego", ao tempo que se interesa por saber que ten pensado facer o Executivo liderado por Inés Rey "para corrixir aquela toponimia deturpada que permanece na sinalización da cidade".
Finalmente, a concelleira do BNG pregunta se se vai mudar a páxina web "para que a versión en galego sexa a opción por defecto".