Tres mocións e tres preguntas orais no primeiro pleno do mandato
Coa primeira das mocións rexistradas, asinadas polas nacionalistas xa á altura do 17 de xullo, o BNG insta o goberno municipal a impedir que as catro vivendas baleiras da coñecida como Torre dos Mariñeiros, propiedade da Tesourería Xeral da Seguridade Social, sexan postas en venda. O Bloque pretende que o goberno local negocie coa TXSS para obter a cesión debalde desas moradas con vistas a destinalas a engrosar o parque de vivendas públicas de aluguer.
Coa segunda das mocións en orde de rexistro, esta foi selada o 4 de setembro, o BNG pretende o apoio da Corporación para o concello reclamar xudicialmente a restitución ao espazo público da titularidade da Casa Cornide, na actualidade en mans da familia Franco, ben como tamén para a administración local comparecer no procedimento xudicial aberto para a recuperación do Pazo de Meirás.
Completa o capítulo das mocións unha iniciativa rexistrada o 10 de setembro a medio da cal o BNG empraza o goberno municipal a que exprese o seu apoio ás traballadoras e traballadores das empresas auxiliares de R afectados pola deslocalización de servizos decretada pola compañía. O goberno local debe intervir, alentando a negociación entre a operadora e o cadro de persoal, con dous obxectivos básicos: que os servizos non se deslocalicen e fiquen na Galiza e que se garanta o mantimento da atención ás persoas usuarias na lingua do país.
Canto ás perguntas orais, o BNG inquerirá ao goberno municipal sobre o mal funcionamento da planta de Nostián, ben como tamén acerca dos seus planos para a posta en marcha dun programa de bolsa da vivenda en réxime de aluguer e en relación ás solucións que pensa arbitrar para, no primeiro ano de mandato, “darlle a mellor solución legal e laboral posíbel á situación do persoal das bibliotecas municipais co obxectivo de unificar a rede através da xestión directa”.