AGRELA
A mobilidade tamén a exame no polígono de Agrela
Coincidimos xunto coa Asociación de Empresarios de Agrela en sinalar que a mobilidade é o principal problema na actualidade no Polígono
Mantivemos esta mañá unha xuntanza coa entidade empresarial na que avaliamos as propostas presentadas polo nós aos orzamentos do Concello a respecto da habilitación dun espazo de aparcamento en Agrela e a rehabilitación integral de pavimentos e beirarrúas no conxunto do polígono, e que finalmente foron rexeitadas polo Goberno municipal
Desde o BNG entendemos que unha proposta integral en mobilidade e accesibilidade para Agrela, na que se garantan servizos de transporte público con maiores horarios, frecuencias e liñas, na que se dea solución ás necesidades de aparcamento habilitando zonas novas, e na que se reurbanicen os espazos públicos, beneficiaría ás traballadoras e aos traballadores do polígono e facilitaría un efecto chamada a outras empresas redundando nas potencialidades do polígono
Vimos de manter nesta mañá unha xuntanza coa Asociación de Empresarios de Agrela na que avaliamos as propostas presentadas por nós aos orzamentos do Concello a respecto da habilitación dun espazo de aparcamento en Agrela e a rehabilitación integral de pavimentos e beirarrúas no conxunto do polígono, e que finalmente foron rexeitadas polo Goberno municipal.
Deste xeito, a xuntanza, celebrada no propio polígono, serviu para que tanto nós como a entidade empresarial coincidiramos en sinalar que o principal problema que hoxe en día afecta a esta zona da cidade é a mobilidade.
Tanto a proposta de habilitación dun espazo para o aparcamento, que nos cuantificabamos en 200.000 euros, como a proposta de rehabilitación das beirarrúas e calzadas no polígono, que canto menos na nosa emenda se pretendía de medio millón de euros, partían de achegas que persoas traballadoras do polígono nos transmitiran durante o proceso de elaboración de propostas aos orzamentos do Concello para 2018. Pódese comprobar facilmente, todos os días, a necesidade de actuación en todo o polígono, que lembramos, acolle a case 20.000 traballadoras e traballadores.
Neste sentido, na reunión tamén se expuxo a necesidade de facilitar ao conxunto de traballadoras e traballadores do polígono alternativas ao coche privado e que reduciran o volume de transito que hoxe en día se dá para a zona, apostando por un servizo de transporte público colectivo que comunicara ao conxunto do polígono e, a este, cos distintos barrios da cidade, e mesmo pola habilitación de viarios de uso peonil xa que logo son distintas as zonas de Agrela que están incomunicadas e que supoñen un risco para a integridade física das persoas ao transitar por elas.
Asemade, a Asociación coma nós coincidimos en sinalar que calquera proposta en materia de mobilidade e de accesibilidade que se realizaran, ademais de contar con todas as partes implicadas, administracións públicas, empresarios e traballadoras e traballadores, debería ser global e integral, atendendo aos fluxos circulatorios, ás horas punta e aos horarios da maioría das empresas.
Desde o BNG entendemos que unha proposta integral en mobilidade e accesibilidade para Agrela, na que se garantan servizos de transporte público con maiores horarios, frecuencias e liñas, na que se dea solución ás necesidades de aparcamento habilitando zonas novas, e na que se reurbanicen os espazos públicos, beneficiaría ás traballadoras e aos traballadores do polígono e facilitaría un efecto chamada a outras empresas redundando nas potencialidades do polígono.
A Coruña, 27 de febreiro de 2018