Iniciativas contra a desertización industrial da comarca
Francisco Jorquera, candidato do BNG á Alcaldía da Coruña, e a deputada Noa Presas anuncian iniciativas para frear “a desertización industrial” da comarca coruñesa.
"A Ministra de Traballo, Magdalena Valerio, di que o goberno non contempla intervir empresas porque iso é comunismo. Gustaríame que a ministra lera o artigo 128.2 da Constitución Española, ou que tomara exemplo de países como Francia ou os Estados Unidos, que interveñen empresas clave, estratéxicas: o estaleiro STX francés fai ben pouco ou antes a General Motors nos EUA, pero xa se sabe que eses son estados comunistas...", dixo con sorna Francisco Jorquera, o candidato do BNG á Alcaldía da Coruña, que presentou xunto á deputada Noa Presas varias iniciativas que o Bloque levará ao Parlamento galego diante da “desertización industrial” da comarca coruñesa.
Jorquera reclamou a Feijóo que deixe "de pór paus nas rodas" ao plan da UDC para a creación da Cidade das TIC que, lembrou, debe ser un "polo de creación de emprego e diversificación produtiva" e acusou á Xunta de estar preparando “outro pelotazo” como o do Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo. Ademais, o candidato nacionalista sinalou ao goberno municipal da Coruña e recordou que nos orzamentos de 2017 incluírase unha partida de 50.000 euros para un elaborar un plan de industrialización da comarca que aínda non se fixo público. Jorquera reclama do Concello “liderado" e que non se limite como até hoxe a ser "espectador pasivo do desmantelamento do noso sector industrial".
Pola súa banda, a deputada Noa Presas avanzou que mañá o BNG levará ao Parlamento unha serie de iniciativas para "poñer no foco do debate a crise industrial que atravesa o país". Presas advertiu que a Xunta ten asumido "un modelo de desenvolvemento industrial absolutamente colonial, de explotación das nosas materias primas e con incentivos públicos sen planificación nin control". A deputada indicou que o BNG volverá levar ao Parlamento unha proposición de lei que inclúa medidas como unha tarifa eléctrica galega, que beneficie aos pequenos consumidores de enerxía, xunto a outras que apoien á gran industria, incluíndo cambios no sistema de poxas.