As mentiras do Goberno local sobre as minicentrais no encoro de Cecebre
A Coruña, 1 de setembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG alerta de que o Goberno do Sr. Negreira segue mentindo en relación ao convenio entre Augas de Galiza, o Concello da Coruña e Emalcsa. En primeiro lugar, a irresponsabilidade do Sr. Negreira levou o Goberno local a mentirlle á cidadanía asegurando que no proxecto non constaba ningunha minicentral cando, en realidade, hai dúas. E, agora, apuntan os nacionalistas, o Goberno do Sr. Negreira mente co fin de ocultar os intereses da concelleira de Cultura, Ana Fernández.
Explican os nacionalistas que o 60 por cento do capital social de Minicentrais Eléctricas de Galicia, S.L. pertence a Fergo Galicia, empresa matriz do hólding da familia da actual concelleira de Cultura. O grave é que non consta ningunha actividade nin ocupacións mercantís ou industriais no apartado quinto da declaración de bens colgada na páxina web do Concello. Porén, si nomea, no apartado relativo a accións e participacións, que é socia de Cumieira, S.L. e de Minicentrales Bouzavella, S.L. con 83 participacións.
Curiosamente, advirte o BNG, a Sra Fernández esqueceuse de incluír que, tal e como recolle o Rexistro Mercantil, que é administradora de Minicentrales Bouza Vella, S.L.; Trebellar, S.L. e Profergo Coruña, S.L., sociedade na que participa Collazo. Os nacionalistas denuncian o escurantismo e a falta de lealdade coa cidadanía da edil de Cultura. E é que a sociedade Minicentrales Bouza Vella, S.L., na cal o 41,8 por cento é de Fergo Galicia e o 16,6 por cento da concelleira, realizou Xunta Xeral de socios o pasado 28 de xuño de 2012 e a Sra. Fernández asistiu como socia e administradora (anéxase a acta). Na actualidade a sociedade Minicentrales Bouza Vella, S.L., é unipersoal, e é o propietario único Fergo Galicia, S.L., o que significa que os demais lle transferiron recentemente as súas participacións a Sra Fernández. Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG acusa a concelleira de Cultura de agochar o cargo de administradora.
Incompatibilidade de Ana Fernández
O Grupo Municipal do BNG lembra que a edil de Cultura conta cunha dedicación exclusiva no Concello da Coruña e que, con todo, non solicitou compatibilidade co exercicio do cargo de administradora das sociedades, actividade privada que é incompatíbel co desenvolvemento dun cargo de administrador dunha sociedade, como sinala o art. 75.1 da Lei 7/1985 de Bases de Réxime Local*. E, o máis lamentábel, é que a Sra. Fernández, agochou as súas actividades na súa declaración de bens. Que di agora o Sr. Negreira, que tanto presumía de transparencia e de compromiso coa cidadanía?, pregúntanse os nacionalistas, que advirten de que o PP está a mentirlle de xeito descarado aos coruñeses e coruñesas.
Artículo 75.
1. Los miembros de las Corporaciones locales percibirán retribuciones por el ejercicio de sus cargos cuando los desempeñen con dedicación exclusiva, en cuyo caso serán dados de alta en el Régimen general de la Seguridad Social, asumiendo las Corporaciones el pago de las cuotas empresariales que corresponda, salvo lo dispuesto en el artículo anterior.
En el supuesto de tales retribuciones, su percepción será incompatible con la de otras retribuciones con cargo a los presupuestos de las Administraciones públicas y de los entes, organismos o empresas de ellas dependientes, así como para el desarrollo de otras actividades, todo ello en los términos de la Ley 53/1984, de 26 de diciembre , de Incompatibilidades del al Servicio de las Administraciones Públicas.
O BNG considera moi grave que o Goberno local avale a participación da concelleira de Cultura na Xunta de Goberno da que saíu beneficiada no eido empresarial
O Grupo Municipal do BNG considera moi graves as declaracións do portavoz do Goberno local cando avalou a participación da Sra. Fernández na Xunta de Goberno Local que autorizou de urxencia e sen os informes preceptivos municipais (o do interventor e o da asesoría xurídica) o convenio asinado polo alcalde e o conselleiro Hernández para a xestión por parte de Emalcsa do Encoro de Cecebre.
Á vista dos datos que constan no Rexistro Mercantil non cabe dúbida de que Ana Fernández é parte interesada deste convenio tecido polo PP, do que sae moi beneficiada. Así, o BNG pídelle ao Sr. Negreira que faga cumprir o artigo 76 da Lei 53/1984, de 26 de decembro, que di:
Artículo 76.
Sin perjuicio de las causas de incompatibilidad establecidas por la Ley, los miembros de las Corporaciones locales deberán abstenerse de participar en la deliberación, votación, decisión y ejecución de todo asunto cuando concurra alguna de las causas a que se refiere la legislación de procedimiento administrativo y contratos de las Administraciones públicas. La actuación de los miembros en que concurran tales motivos implicará, cuando haya sido determinante, la invalidez de los actos en que hayan intervenido.
En maio de 2012 Augas de Galiza precisa que a concesión de aproveitamento hidroeléctrico do encoro de Cecebre a Minicentrales Eléctricas de Galicia, S.L. está sen explotar pero segue vixente
Por último, os nacionalistas lembran que en maio deste mesmo ano Augas de Galiza precisou que a concesión do aproveitamento hidroeléctrico do encoro de Cecebre a Minicentrales Eléctricas de Galicia, S.L. está sen explotar, mais segue vixente. O Grupo Municipal do BNG advirte de que o convenio non garante que non se vaia executar. É máis, o convenio mesmo recolle a coordinación de intereses entre Concello/Emalcsa e a sociedade. O único que estabelece o convenio, explican os nacionalistas, é a prioridade do uso do encoro de Cecebre para abastecemento, mais iso xa se concretaba na concesión de 1998 e no proxecto aprobado no 2004.
Pregúntase o BNG que se o uso do encoro de Cecebre non se vai executar porque é inviábel, como é que a sociedade ten en tramitación unha modificación do proxecto construtivo aprobado no 2004 e que dita modificación se sometese a exposición pública no 2009? O Grupo Municipal do BNG advirte de que, a maiores, á nova minicentral que se construirá ao pé do túnel que transferirá a auga de Meirama a Cecebre hai que engadir o aumento de caudal de Cecebre, que agora si fará rendíbel a construción da minicentral de Cecebre, que actualmente está sen explotar pero segue vixente, como afirma Aguas de Galiza.