INCLUSIÓN SOCIAL

Medidas sancionadoras no canto de integración laboral e social: é a solución da Marea ao colectivo de persoas manteiras?

Venda ambulante na rúa Real
Imaxe da rúa Real cunha persoa do colectivo manteiro

Diante das 15 sancións a manteiros e persoas que realizan venda ambulante ás que tivo acceso o BNG a través dos decretos de Alcaldía, preguntámonos onde está o proxecto de inserción laboral para este colectivo anunciado polo Goberno da Marea

Tivemos acceso aos libros de resolucións e decretos levados a toma de coñecemento no último Pleno ordinario nos cales se rexistraron, cando menos, 15 decretos de sancións ou propostas de sancións a persoas destes colectivos por “ocupación de vía pública para a venda ambulante non autorizada”

En outubro de 2016 anunciouse moi efusivamente a elaboración dun proxecto que pretendía ofrecer ao colectivo de persoas manteiras e vendedoras ambulantes da cidade unha alternativa laboral para a normalización da súa actividade e ao tempo da súa situación social. Dicíase que se quería «normalizar a súa situación» e «propiciar a súa completa integración a través dunha alternativa laboral», mais pasado xa case ano e medio denunciamos que as únicas medidas que continúan son as sancionadoras e preguntámonos onde están as políticas de integración da Marea Atlántica

Medidas sancionadoras no canto de integración laboral e social: é a solución da Marea ao colectivo de persoas manteiras?

Vimos de presentar esta mañá unha batería de preguntas (podes velas premendo aquí) para a súa resposta escrita para o vindeiro Pleno ordinario de febreiro, interesándonos polo Proxecto para a inserción laboral anunciado polo Goberno da Marea Atlántica en outubro de 2016 e destinado a persoas do colectivo manteiro e vendedoras ambulantes.

Naquela data, o Executivo da Marea anunciaba aos medios de comunicación que as áreas municipais de Igualdade e Diversidade e de Emprego e Economía Social traballaban, en colaboración co Foro Galego de Inmigración, nun proxecto para ofrecer ao colectivo de persoas manteiras e vendedores ambulantes da nosa cidade unha alternativa laboral para a normalización da súa actividade e, ao tempo, da súa situación social.

Asemade, o Goberno local sinalaba que o obxectivo deste proxecto eran «normalizar a súa situación» e «propiciar a súa completa integración a través de una alternativa laboral», tal e como advertía a aquela altura a concelleira de Igualdade e Diversidade Rocío Fraga.

Porén, e despois de ter acceso aos libro de resolucións e decretos levados a toma de coñecemento no último Pleno ordinario, nos cales descubrimos que se rexistraron, cando menos, 15 decretos de sancións ou propostas de sancións a persoas destes colectivos por ocupación de vía pública para a venda ambulante non autorizada, entendemos que se están a seguir a realizar actuacións sancionadoras no canto de realizar políticas activas para a integración laboral e normalización social destas persoas.

Do mesmo xeito, na iniciativa lembramos que non é a primeira vez que nos interesamos polas actuacións da Concellaría de Igualdade e Diversidade a respecto da situación destes colectivos e que a principios de 2017, o noso Grupo Municipal presentaba outra batería de preguntas para a súa resposta escrita a respecto das medidas que estaba a levar a cabo o Executivo para esta inserción socio-laboral das persoas sen papeis e as persoas do colectivo manteiro, mais non obtivemos resposta a aquela iniciativa.

É por iso que volvemos preguntar por este proxecto, se existe, que resultados está dando, se non existe, o por que non se levou a cabo, e se existen itinerarios laborais, e solicita cuantificar o número de persoas beneficiadas por estes”.

En outubro de 2016 anunciouse moi efusivamente a elaboración dun proxecto que pretendía ofrecer ao colectivo de persoas manteiras e vendedoras ambulantes da cidade unha alternativa laboral para a normalización da súa actividade e ao tempo da súa situación social. Dicíase que se quería «normalizar a súa situación» e «propiciar a súa completa integración a través dunha alternativa laboral», mais pasado xa case ano e medio as únicas medidas que somos quen de observar seguen sendo medidas sancionadoras; preguntámonos onde están as políticas de integración da Marea Atlántica.

 

A Coruña, 10 de xaneiro de 2018.

Medidas sancionadoras no canto de integración laboral e social: é a solución da Marea ao colectivo de persoas manteiras?