RESPOSTA A UNHA PREGUNTA POR ESCRITO DE AVIA VEIRA

O Goberno Local vai substituír "progresivamente" os cartaces con topónimos deturpados

20191209_110335
No interior do palacio de María Pita hai aínda un feixe de sinais en castelán
O Goberno Local ten a intención de “substituír progresivamente os cartaces e sinais que presenten toponimia deturpada”. Así llo di o Executivo coruñés ao BNG en resposta a unha pregunta formulada por escrito pola concelleira Avia Veira, quen, nunha iniciativa sobre o uso do galego por parte do Concello, se interesaba por saber que pensaba facer o gabinete liderado por Inés Rey para “corrixir aquela toponimia deturpada que permanece na sinalización da cidade”. Cumpre lembrar que a única forma legal dos topónimos é a galega (artigo 10 da Lei de Normalización Lingüística de 1983).
O Goberno Local vai substituír "progresivamente" os cartaces con topónimos deturpados

 

Veira preguntaba tamén se era consciente o Goberno Local da “numerosa sinalización que aínda permanece en castelán na nosa cidade”. O Executivo responde que si avalía “as necesidades de sinalética, o seu estado e o cumprimento da lei de normalización, así como o respecto pola toponimia de uso oficial”.

Interpelado sobre se no proceso de mudanza dos colectores de lixo o Goberno Local pensa solicitar á nova empresa concesionaria que os rótulos e letreiros estean en galego, a resposta é que “si, sempre que couber nos termos do contrato”, ao tempo que o Executivo coruñés manifesta a vontade de mudar progresivamente a sinalización das instalacións municipais para que esta poida estar en galego.

E finalmente canto a se se vai mudar a páxina web para que a versión galega sexa a opción por defecto, a resposta do Goberno Local é elusiva. Non di nin se si nin se non, limítase a consignar que se vai “lanzar” unha nova web municipal “ao longo do mes de xaneiro”.

 

O Goberno Local vai substituír "progresivamente" os cartaces con topónimos deturpados