UNHA INICIATIVA DE MERCEDES QUEIXAS

Luz verde unánime a unha proposición non de lei do BNG para crear o Espazo Lugrís na rúa Olmos

Mercedes Queixas comisión de Educación e Cultura Parlamento galego
Queixas, durante o debate

A deputada coruñesa do Bloque Nacionalista Galego Mercedes Queixas interveu na Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento para alertar, máis unha vez, sobre o grave risco que corre o conxunto de 12 murais de Urbano Lugrís situados no baixo dun edificio da rúa Olmos da Coruña.

Luz verde unánime a unha proposición non de lei do BNG para crear o Espazo Lugrís na rúa Olmos

"A chuvia é unha ameaza constante para estas obras", destacou Queixas, sinalando que cada precipitación supón un perigo de “perda irreparábel” deste legado artístico único. A pesar das alertas repetidas polo BNG nas últimas lexislaturas, a situación continúa sen se resolver de forma definitiva.

A proposición non de lei do BNG, aprobada por unanimidade, pasa polo diálogo e unha solución integral e inclínase claramente pola protección da obra lugrisiana in situ, xa que desarraigar os murais do seu contexto “como ocorreu co mural do Café Vecchio” sinalou Queixas, destruiría o seu valor histórico e artístico. Trataríase de constituír unha mesa de diálogo co propietario do edificio (quen se ten mostrado disposto a colaborar), a Deputación da Coruña e o Concello (con acordo plenario favorábel) para mercar o baixo da rúa Olmos e crear o "Espazo Lugrís", un centro cultural que poña en valor a obra no seu lugar orixinal. "A Xunta, como titular dos murais e responsábel do BIC, ten a obriga de actuar xa", rematou Queixas, esixindo "feitos, non promesas" para salvar este patrimonio. 

A deputada nacionalista recordou os pasos dados até agora: a Xunta incoou o expediente para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) os murais, tras presións do BNG e da mobilización cidadá (Asociación O Mural, In Nave Civitas).  A Consellaría de Cultura adquiriu en maio de 2024 os murais nun proceso xudicial, mais outra promotora comprou o edificio, deixando a propiedade dividida. “O conselleiro de Cultura sinalou a posibilidade de levar os murais ao Museo de Belas Artes, unha idea rexeitada por informes técnicos (Concello da Coruña, Universidade Politécnica de Valencia e expertos en patrimonio), que avogan pola conservación in situ”. 

A situación actual é de abandono e risco. Unha declaración BIC sen efecto práctico, aínda prometida como "BIC exprés", unha degradación acelerada pola humidade e o estado ruinoso do edificio e unha propiedade dividida, na que a Xunta é dona dos murais, mais non das paredes que os sosteñen, alertou Queixas.

Luz verde unánime a unha proposición non de lei do BNG para crear o Espazo Lugrís na rúa Olmos