UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA

O BNG leva ao Pleno o incumprimento sobre a ordenanza das terrazas, que debería ter sido aprobada nos primeiros 6 meses de mandato

Avia Veira en María Pita. Xaneiro de 2015.
Avia Veira, fotografada diante das terrazas de María Pita, cuxa concesión xa está caducada
A concelleira do BNG Avia Veira vai interpelar o Goberno Local no Pleno do vindeiro xoves 5M cunha pregunta oral que reza así: “Considera o Goberno Local que cumpriu o seu compromiso co BNG de ter lista a ordenanza de terrazas no curto prazo do mandato?”.
O BNG leva ao Pleno o incumprimento sobre a ordenanza das terrazas, que debería ter sido aprobada nos primeiros 6 meses de mandato

En realidade, e segundo remarca a concelleira nacionalista, estamos ante un evidente incumprimento por parte do Goberno Local dun compromiso adquirido co BNG no Acordo de Investidura: “Esta ordenanza  tiña que que ter sido aprobada durante os seis primeiros meses do mandato. Estamos no ecuador do mandato e aínda non vimos a proposta do Goberno de Inés Rey”, censura Avia Veira.

“Na nosa cidade hai moitas terrazas, hai barrios e zonas da Coruña con moita concentración destas instalacións”, remarca a concelleira do BNG, o que a leva a afirmar que “hai un auténtico descontrol”.

En determinadas áreas urbanas as terrazas “teñen tomadas as zonas peonís”, circunstancia que dificulta moito o tránsito dos peóns. “Hai lugares en que apenas se pode camiñar ou pasar cunha cadeira de rodas ou co carro dun bebé. Hai terrazas que mesmo invaden o acceso aos portais”, esténdese, ao tempo que lembra que “as concesións destas instalacións na praza de María Pita están en precario”.

Para Veira, cómpre ir a unha nova regulación e a un “maior control” que garanta a adecuada convivencia e o correcto equilibrio entre o uso privativo do espazo público por parte da hostalaría e o dereito cidadán á accesibilidade universal.

“No Pleno ímoslle esixir ao Goberno de Inés Rey”, avanza, “que cumpra co acordado co BNG e dea solución a este problema coa redacción e a aprobación dunha nova ordenanza”.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O BNG leva ao Pleno o incumprimento sobre a ordenanza das terrazas, que debería ter sido aprobada nos primeiros 6 meses de mandato