"NON O IMOS CONSENTIR", AVANZA AVIA VEIRA
"Acordo tácito" entre a Xunta e o Goberno Local para desmantelar o COF de Orillamar
Así o denunciaron esta mañá, nun encontro cos medios diante do propio COF, as concelleiras do BNG Avia Veira e Mercedes Queixas, esta última tamén na súa calidade de deputada nacionalista no Parlamento galego.
“Por que dicimos que existe un acordo tácito? Porque a Xunta non cobre a praza de xinecoloxía neste centro, vacante desde a xubilación da súa anterior titular, mentres que o Goberno Local tampouco cobre as prazas de psicoloxía, persoal administrativo e agora acaba de deixar sen cubrir o posto de traballadora social”, denuncia Veira.
De feito esta é a primeira semana en que o COF de Orillamar non dispón dunha traballadora social. Un COF que, por falta de persoal, non dá atendido as chamadas telefónicas para reservar citas, como persoas usuarias teñen alertado ao BNG.
Veira esíxelle ao goberno de Inés Rey que “repoñan as prazas de profesionais vacantes”. “Non imos consentir que, en combinación coa Xunta, se desmantele este centro que presta servizos esenciais para garantir a saúde sexual e reprodutiva das mulleres”, acrecentou.
O COF xestiónano conxuntamente a Xunta e o Concello. Se o Goberno Local de Inés Rey considera que esta situación debe mudar e que o centro debe pasar a ser administrado de xeito exclusivo polo SERGAS, o que debería facer “é negocialo politicamente coa Xunta”.
“Calquera cousa antes que desmantelalo”, resaltou.
Por súa parte, Mercedes Queixas anunciou que volverá levar o asunto ao Parlamento galego.
“O COF é un exemplo do abandono ao que o PP está a condenar a sanidade pública no noso país. Deixalo morrer evidencia o nulo interese que ten o Goberno Local en prestar unha atención de calidade á saúde sexual e reprodutiva das mulleres da nosa área sanitaria”, alegou.
Con ser isto “gravísimo”, non o é menos que a Xunta mentise no Parlamento cando foi interpelada polo BNG ao respecto.
“Témoslle preguntado pola falta de cobertura da praza de xinecoloxía, após a xubilación da anterior titular. Téñennos respondido que esa praza si foi reposta, o que é absolutamente falso. Niso, en mentir, é no que debe consistir o estilo Rueda”, ironiza Queixas.