EN RESPOSTAS AO BNG, O GOBERNO LOCAL ADÍA ATÉ O MES DE ABRIL A CONTINUIDADE DO PROGRAMA DE LECER
Luz verde do Pleno á reforma do ROM, á mobilidade peonil e ás demandas do Birloque e Martinete
A moción sobre a mobilidade peonil incorporou unha emenda formulada desde o grupo municipal do PP.
Foi o noso portavoz Francisco Jorquera quen defendeu a iniciativa para a reforma do ROM, mudanza necesaria pois o regulamento vixente ten xa máis de 21 anos e ficou obsoleto.
Aspectos como a posibilidade de vetar o debate das mocións sempre e cando unha hipotética maioría absoluta as considerar pouco urxentes ou o escaso tempo (3 minutos) para a tramitación das preguntas orais, presentes no ROM vixente, deberían ser reformadas a xuízo do BNG.
Canto á mellora da mobilidade peonil, a nosa concelleira Avia Veira puxo en destaque que esta iniciativa nace de queixas que lle foron chegando ao grupo municipal desde a veciñanza de distintos barrios da cidade.
O repintado dos pasos de peóns con materiais máis duradeiros e resistentes ao noso clima, a campaña de vixilancia da Policía Local para previr a invasión destas pasaxes polos automóbiles e a revisión exhaustiva das beirarrúas constitúen algúns dos elementos que deberían ser tidos en conta nese plan de mellora.
As demandas da veciñanza do Birloque e Martinete foron transformadas nunha moción da autoría do noso concelleiro David Soto, a propor solucións aos problemas de seguranza viaria (transferencia ao Concello de vías actualmente de titularidade da Deputación, marcaxe adecuada dos sinais de tráfico horizontais, reconfiguración do carril bici da avenida de Glasgow), ben como tamén os que teñen a ver cos equipamentos culturais (instalación dun punto de préstamo bibliotecario no Centro Cívico do Birloque) ou deportivos (reparación dos defectos construtivos que, pese a ter sido recentemente reformado, continúa a presentar o complexo deportivo de Elviña),.
Programa de Lecer
Canto á sesión de control ao Goberno Local por medio das preguntas orais, o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, adiou até abril, “ao longo do mes de abril”, dixo literalmente, a continuidade do Programa de Lecer.
O Programa de Lecer debería ter reiniciado as súas actividades o 2 de febreiro. “Primeiro anunciaron que se reatarían en días, logo en semanas, agora falan de abril. Vostedes teñen un serio problema de falta de credibilidade”, recriminoulle Queixas a Castro.
A concelleira nacionalista remarcou que aínda hai traballadoras e traballadores que non cobraron todos os atrasos, “algunha delas aínda se lle debe todo 2025”, remarcou. “Hai por volta de 40 formadores e formadoras na rúa, neste momento sen traballo”, indicou.
Tampouco se sabe nada da empresa que asumirá o novo contrato, nin dos pregos da nova concesión, resaltou, ao tempo que criticou o incumprimento do compromiso da alcaldesa de manter unha xuntanza co persoal da empresa.
“Están vostedes a incumprir coa cultura de base, participativa e inclusiva”, denunciou.
Reordenación do sector institucional
Varias veces anunciada polo portavoz do Goberno Local, José Manuel Lage, a reordenación do sector institucional do Concello (entes como o IMCE, Fundación Luís Seoane, EMVSA, Emalcsa...) continúa pendente, o que foi obxecto dunha cuestión formulada por Francisco Jorquera.
A resposta é que se está pendente da modificación da Lei de Administración Local por parte do Parlamento galego e que por tanto “haina que ir preparando para o próximo mandato”, avanzou Lage.
Os problemas do sector institucional non só teñen que ver co IMCE -cuxo funcionamento irregular ten sido denunciado polo BNG en múltiples ocasións- senón tamén co Consorcio de Turismo e Congresos ou a Fundación Luís Seoane, “que continúa sen reunir o Padroado para aprobar as bases do novo concurso, despois da desfeita do anterior”, criticou Jorquera.
Murais de Urbano Lugrís
En ningún momento foi capaz o concelleiro de Cultura e Turismo de asegurar que o Goberno Local si lle ten esixido á Xunta que entregue de vez o informe de intervención sobre os frescos de Urbano Lugrís sitos na Rúa Olmos.
Sen el (sen un informe que diga que se pensa facer co conxunto muralístico), o Concello non pode tramitar a licenza de rehabilitación do edificio, en estado próximo á ruína, o que está a pór en serio risco a integrade da obra lugrisiana.
“Fixo o Goberno Local algunha xestión para ver se os murais viron empeorar o seu estado a raíz do tren de borrascas que padecemos nas últimas semanas?”, inquiriu, sen achar resposta, a nosa concelleira Mercedes Queixas, quen rendeu tributo ao traballo das entidades cívicas In nave Civitas e O Mural na defensa deste tesouro artístico, orgullo da Coruña.