David Soto leva ao Pleno os problemas do Birloque e Martinete

David Soto, no Birloque
David Soto, no Birloque
O concelleiro do BNG David Soto vai defender no Pleno deste xoves unha moción para lle dar solución aos diversos problemas -desde a mobilidade e a seguridade viaria até a falta de espazos de lecer e culturais ou a mellora dos equipamentos deportivos- que padecen os barrios de Martinete e do Birloque.
David Soto leva ao Pleno os problemas do Birloque e Martinete

O concelleiro do BNG David Soto vai defender no Pleno deste xoves unha moción para lle dar solución aos diversos problemas -desde a mobilidade e a seguridade viaria até a falta de espazos de lecer e culturais ou a mellora dos equipamentos deportivos- que padecen os barrios de Martinete e do Birloque.

Entre outras cousas, o BNG propón que se acelere a transferencia ao Concello das estradas provinciais DP0512 e DP3004 visando que “con carácter urxente se garanta a seguridade viaria ao longo de todo o seu percorrido”.

De igual xeito, Soto insta o Goberno Local a que actúe para unir os dous tramos do carril bici da Avenida de Glasgow, “evitando a solución actual, insegura para ciclistas, peóns e persoas usuarias do bus urbano”.

Os defectos de construción do Centro Cívico do Birloque centran outra das peticións de Soto, quen empraza o Executivo coruñés a que lle esixa á empresa construtora a reparación das deficiencias.

A mellora e ampliación da zona de xogos infantís da praza Agustín Díaz, ben como o arranxo das escaleiras que unen o aparcadoiro desa praza co polideportivo de Elviña, son outras das demandas dunha moción que recolle moitas das peticións da veciñanza da zona.

Tamén a Xunta ten cousas a facer nestes barrios e, nese sentido, o Goberno Local ten que lle esixir á administración autonómica que terme das súas competencias. Así, por exemplo, a pesar de recentemente ter sido obxecto dunha reforma, a pista polideportiva de Elviña “segue presentando pingueiras” e o céspede das canchas de fútbol está xa deteriorado.

Alén do máis, a Xunta debe estudar a posibilidade de abrir un centro de saúde que preste servizo aos barrios do Martinete, do Birloque e do Sector 7.

 

David Soto leva ao Pleno os problemas do Birloque e Martinete