Jorquera insta o Goberno Local a que, en diálogo co movemento cultural de base, defina xa o seu proxecto para a Casa Carré
Este emprazamento fíxoo Jorquera no pleno do pasado xoves a través dun rogo oral, unha iniciativa por medio da cal o BNG lembraba que en xuño de 2024 a Xunta de Goberno Local aprobaba a adquisición da Casa Carré, en Eirís, sen que desde aquela se coñezan os plans do Executivo coruñés para o seu futuro.
“Desde aquel acordo”, refire Jorquera, “a Casa permanece pechada, sen noticias sobre o seu futuro destino e contido, até que tristemente vén de voltar á actualidade a causa de varios presuntos intentos de entrar nela”.
A Casa Carré -a derradeira obra do grande arquitecto coruñés Rafael González Villar- foi propiedade durante moitos anos da familia Carré, toda unha referencia para o galeguismo na nosa cidade e moi enraizada nun dos núcleos rurais da Coruña con máis forte sentimento de identidade. “Tanto é así”, remarca Jorquera, “que Uxío Carré dá nome á asociación veciñal do barrio”.
Esa asociación mesmo chegou a propor expresamente que a Casa, xa de titularidade municipal, sexa un espazo museístico dedicado á memoria da familia Carré.