FROITO DO ACORDO BNG-PSDEG-MAREA
Luz verde aos orzamentos do Concello para 2020
As contas do Concello para 2020 foron aprobadas cos votos a favor de BNG, PSdeG, Marea Atlántica e Ciudadanos e o voto en contra do grupo municipal do PP.
Na súa intervención perante o Pleno, o portavoz nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera, puxo en valor que os orzamentos para 2020 elevan substancialmente os investimentos do Concello —nun 13 por cento—, o que sen dúbida contribuirá a dinamizar a economía da cidade, lastrada por unhas moi preocupantes cifras de paro –hai 16.500 coruñesas e coruñeses desempregados- e por un acelerado proceso de desindustrialización. Alén diso, as contas teñen un marcado acento social, ao incrementar as partidas destinadas ao benestar cidadán en 20 por cento, con melloras significativas nas dotacións para a Renda Social Municipal, as Axudas de emerxencia e os programas encamiñados a favorecer a inclusión.
E como aborda o proxecto de orzamentos a potenciación da economía local? Pois através da elaboración dun plan de desenvolvemento e industrialización para A Coruña e a súa comarca e dun plan de dinamización do comercio. “Son uns orzamentos expansivos, cun crecemento importante do investimento. Un 13 por cento máis que nos orzamentos de 2019”, remarcou Jorquera.
As contas son positivas tamén porque dotan o concello de máis recursos para abordar os graves problemas sociais que afectan a cidade. “Recentemente coñeciamos os datos da Enquisa Xeral a Fogares realizada polo Instituto Galego de Estatística. Entre 2007 e 2018 duplicouse a porcentaxe de coruñesas e coruñeses en risco de pobreza”, ilustrou ao respecto Jorquera. “No 30 por cento dos fogares todos os ingresos proceden de prestacións sociais. E no 41 por cento dos fogares as prestacións achegan máis do 50 por dos ingresos”, engadiu.
“Son datos que falan ás claras de como as políticas austericidas incrementaron as desigualdades e de como para os sectores máis vulnerábeis as consecuencias da crise distan moito de térense superado”, salientou.
Para facer fronte a esta grave situación, as contas dispoñen dun incremento do gasto social por volta do 20 por cento, ao situalo nos 87,3 millóns de euros, destacou Jorquera.
A política de Vivenda, concibida polo BNG como unha política social máis, recebe tamén un impulso nestas contas, ao plasmarse no proxecto orzamentario a posta en marcha dun programa de bolsa de vivenda en aluguer e un incremento dos recursos destinados a impulsar a rehabilitación.
Porén, aínda hai máis razóns que levan o BNG a votar uns orzamentos dos que se sente corresponsábel ao ter participado na súa elaboración. Nas contas, constatou Jorquera, “hai unha aposta decidida pola rexeneración urbana, un compromiso coas sustentabilidade e a loita contra o cambio climático”, así como tamén “medidas para ir avanzando cara outro modelo de mobilidade e un compromiso coa lingua e a cultura galega”.
ALGUNHAS CUESTIÓNS POLÉMICAS
Na súa intervención, Jorquera non eludiu entrar nalgunhas cuestións colaterais ao proceso de elaboración dos orzamentos que produciron certa polémica.
“A primeira”, dixo, “é relativa á modificación das bases de execución dos orzamentos en que se restaban competencias ao Pleno”. “Non estamos de acordo con esa mudanza”, esclareceu, “como tampouco o estabamos cando se intentou facer no pasado”. Mais, remarcou, “o certo é que esta modificación foi corrixida en Comisión e o Pleno mantén as competencias que tiña atribuídas”.
Canto aos reparos postos polo Interventor do Concello —sobre un hipotético exceso de optimismo ao valorar o capítulo de ingresos—, Jorquera dixo que desde o BNG se respecta “moitísimo” o rol do Interventor e que as súas advertencias “deben servir para extremar o rigor na execución dos orzamentos”.
Mais, a seguir, o portavoz nacionalista puxo en valor que o propio proxecto de orzamentos “reflicte a realidade dun Concello solvente e saneado economicamente”, polo que “o equilibrio financeiro” da institución “non está en risco polo maior esforzo investidor”.
Terceiro asunto polémico, o chamado “catastrazo”. A este respecto Jorquera deixou claras dúas cousas. Primeira, a suba do IBI non fixo parte do proceso de negociación dos orzamentos “nin fai parte do acordo ao que chegamos co Grupo Socialista e o Grupo da Marea Atlántica”.
Mais, dito iso, o portavoz do BNG quixo remarcar que ao seu xuízo a suba do IBI non pode considerarse un “catastrazo”.
“Non pode chamarse catastrazo a unha suba do 3 por cento por mor da actualización duns valores catastrais que non se actualizaban dende 1997, hai máis de 22 anos”, enfatizou.
E tampouco hai tal suba liñal, ao ser porcentual e non afectar a todos por igual. “Non é o mesmo o 3 por cento de 100 que o 3 por cento de 1.000”, ilustrou. "Por tanto, canto máis sexa o valor catastral dunha propiedade, maior será o que hai que pagar a maiores”, arguiu “Porque o IBI, quero lembrar, é un imposto á propiedade. Grava o valor dunha propiedade inmobiliaria”. E a este respecto botou man dun dato moi significativo: “A sexta parte do que recada o Concello por este concepto corresponde ao pagamento do IBI de só 50 titulares”.
En todo caso, está claro que se o Concello quere ofrecer mellores servizos públicos ás coruñesas está obrigado a “operar tamén sobre os ingresos”, unha evidencia que se ten que ver acompañada pola introdución de criterios de xustiza social, de maneira que o reparto da carga teña en conta as desigualdades sociais. Nese sentido, destacou Jorquera que “nos acordos que acompañan estes orzamentos está contemplado que o pagamento do IBI das vivendas en réxime de aluguer ofertadas polo Concello non se repercuta na persoa que vive nesa vivenda, senón que o asuma o titular”.
O BNG NEGOCIOU OS ORZAMENTOS CON DISCRECIÓN
Tamén se referiu Jorquera á intrahistoria da negociación dos orzamentos e a certos conflitos recentes que atribuíu á “desconfianzas” ou “disputas polo protagonismo”.
“O BNG negociou os orzamentos con total e absoluta discreción, sen fotos nin comunicados, sen estar obsesionados pola escenificación porque o que máis nos preocupaba era procurar un acordo que fose bon para a cidade”, remarcou.
A resultante do proceso foi un acordo a tres, ao que o BNG se vinculou “lealmente”.
Agora ben, advertiu, “se alguén pretende presentarnos como un convidado de pedra, entón, por suposto, con toda humildade, pero tamén con todo orgullo, poñemos en valor a nosa contribución”.
“Somos conscientes do noso peso numérico nesta Corporación. Somos só unha concelleira e un concelleiro”, dixo. Mais, como se acaba de ver no Congreso dos Deputados co rol xogado polo BNG na negociación da investidura de Pedro Sánchez, “a utilidade dunha forza política non se mide só en número de escanos”, senón na súa capacidade para chegar a acordos antepondo os intereses xerais aos partidarios.
"Se alguén pretende presentarnos como un convidado de pedra, entón, por suposto, con toda humildade, pero tamén con todo orgullo, poñemos en valor a nosa contribución"
Concluíu Jorquera cunha alusión directa ao debate de investidura vivido no Estado. Sánchez foi investido, si, mais despois de que se tivesen que repetir as eleccións xerais “por mor das desconfianzas e disputas polo protagonismo dos partidos que estaban chamados a entenderse”. Unha discordia que só tivo un beneficiario: a ultradereita.
“Non nos gostaría que na Coruña pasase o mesmo”, dixo o portavoz nacionalista. “Os tempos non están para parvadas. A capacidade de chegar a acordos entre diferentes é sempre algo positivo. Mais, nos tempos que corren, iso non só é necesario, é tamén imprescindíbel”, concluíu.