JORQUERA INQUIRIRÁ O EXECUTIVO CORUÑÉS SOBRE O PROXECTO DO PARQUE DE OZA

Quer nas Xubias quer no Castrillón o Goberno Local só dialoga coa veciñanza após iniciativas do BNG

Jorquera departe con asistentes ao acto organizado pola Asociación Veciñal O Castrillón Urbanización Soto Ilar sobre o proxecto do Parque Oza
Jorquera departe con asistentes do acto organizado pola Asociación Veciñal O Castrillón Urbanización Soto Iar
Como xa acontecera nas Xubias, no proxecto para o Parque de Oza (a construción de algo máis mil vivendas no barrio do Castrillón) o Goberno Local “delega en terceiros” a súa potestade de planificación urbanística e só informa a veciñanza após iniciativas do BNG.
Quer nas Xubias quer no Castrillón o Goberno Local só dialoga coa veciñanza após iniciativas do BNG

Así o considera o portavoz do Bloque no Concello, Francisco Jorquera, quen levará o asunto ao Pleno do vindeiro xoves 7 de novembro en forma de pregunta oral.

“Como xa acontecera nas Xubias, a veciñanza coñeceu o proxecto para o Parque de Oza a través dos medios de comunicación. Isto obviamente provocou malestar entre as veciñas e os veciños, como puidemos constatar nas reunións que mantivemos con elas e eles”, di Jorquera.

Malestar pola falta de información e desconformidade cun proxecto que, aínda que en estado embrionario, se caracteriza por unha elevada edificabilidade -con torres de 17 andares-, polo impacto que terá na mobilidade e nos servizos do barrio a chegada prevista de 3.000 novos habitantes e pola forma en que se vai ver afectada a Avenida da Concordia, que sufriría a falta de continuidade entre os seus dous tramos.

O caso é que, como xa sucedera co convenio con Gingko para a transformación urbanística das Xubias, o Goberno Local só informou a veciñanza como reacción ás críticas feitas polo BNG.

Acto Castrillón
Foi un acto moi concorrido e participativo

“Aínda que tarde, parece que o Goberno Local tomou nota. Porque despois de rexistrada esta pregunta, o concelleiro de Urbanismo participou nun acto informativo aberto á veciñanza. O mesmo que fixo nas Xubias o Goberno Loca só visitou o barrio, despois de o BNG facer unha visita a ese núcleo e presentar no Pleno unha moción sobre as súas demandas e necesidades”, relata Jorquera.

En calquera caso, o portavoz nacionalista deplora que o Executivo coruñés “delegue en terceiros a súa potestade de planificar e ordenar o urbanismo da cidade”.

Non é aceptábel, alega, “que sexa un equipo contrato pola Xunta de Compensación quen actúe de xuíz e parte, ditaminando as alegacións ao convenio e redactando o Plano Especial, por moito que este teña que ser aprobado, en última instancia, polo Pleno do Concello”.

Jorquera remarca que “non é bo xeito de gobernar” que a veciñanza “saiba pola prensa dos plans do Goberno Local” sen ser informada directamente por parte do Concello.

“Informar, dialogar, escoitar... É o mínimo esixíbel a un goberno se se quere gobernar con transparencia. E aínda é máis necesario cando ese goberno está en minoría”, conclúe.

 

 

 

Quer nas Xubias quer no Castrillón o Goberno Local só dialoga coa veciñanza após iniciativas do BNG