INICIATIVA DE FRANCISCO JORQUERA PARA O PLENO DO 3F
Levamos a Pleno a situación límite de Alu Ibérica: estamos nos minutos de desconto para evitar o seu peche
Jorquera pon en destaque o severo proceso de desindustrialización que sofre A Coruña, un fenómeno que podería agravarse se se consumar o fechamento de Alu Ibérica.
“Desde 2021 a comarca da Coruña perdeu máis de 20% das empresas do sector industrial, cunha caída do 11,6% concentrada nos tres últimos anos”, denuncia.
O peso da industria no noso PIB comarcal é de apenas o 12% cando as persoas expertas concordan en que nunha economía sa esa porcentaxe debe roldar 20%.
“A industria xera empregos máis estábeis e de máis calidade. E ademais xoga un papel tractor do resto da economía”, salienta Jorquera, para quen por estas razóns “nin A Coruña nin a súa Corporación municipal poden ser indiferentes e ficaren de brazos cruzados ante a perda da nosa industria”.
“Desde 2021 a comarca da Coruña perdeu máis de 20% das empresas do sector industrial, cunha caída do 11,6% concentrada nos tres últimos anos”, denuncia Jorquera
Por tanto, e aínda que o Concello careza de competencias en materia de política industrial (exclusivas da Xunta), o BNG considera que o Goberno Local non pode actuar como se este asunto non fose do seu interese e por iso a moción insta a alcaldesa a realizar cantas xestións sexan precisas, ante a Xunta e o Goberno do Estado, para “demandar unha solución urxente que asegure a continuidade da actividade industrial e o mantemento do emprego na planta de Alu Ibérica da Coruña”.
Entre as saídas posíbeis á situación límite que vive a planta, o BNG cita dúas: a procura dun acordo enerxético bilateral que garanta a subministración eléctrica necesaria para reactivar a electrolise a un prezo competitivo e, se for preciso, a incorporación da empresa ao sector público, por pertencer a un sector industrial estratéxico.