DEREITOS LABORAIS

Levamos a Pleno a situación das traballadoras e dos traballadores das instalacións deportivas

Concentración de traballadoras e traballadores das instalacións deportivas municipais diante do Concello da Coruña
Concentración de traballadoras e traballadores das instalacións deportivas municipais diante do Concello da Coruña (foto vía CIG A Coruña)

Presentamos  unha moción para o seu debate no vindeiro pleno na que demandamos que o Goberno municipal garanta o cumprimento dos dereitos laborais das traballadoras e dos traballadores dos servizos complementarios das instalacións deportivas municipais

Con esta moción defendemos que o Concello da Coruña, como Administración responsábel do contrato, ten que velar por que se cumpran as condicións recollidas nos pregos e polo tanto ten que garantir o cumprimento dos dereitos laborais das traballadoras e dos traballadores sobre todo tendo en conta que Ferrovial leva anualmente pola xestión deste servizo 1,5 millóns de euros anuais

Levamos a Pleno a situación das traballadoras e dos traballadores das instalacións deportivas

Rexistramos unha moción para o seu debate no vindeiro pleno (podes descargala premendo aquí) na que demandamos que o Goberno municipal garanta o cumprimento dos dereitos laborais das traballadoras e dos traballadores dos servizos complementarios das instalacións deportivas municipais.

Este servizo foi adxudicado en 2012 cun orzamento de 1.425.931,30 euros anuais, á empresa Ferrovial de acordo coa súa oferta técnica mais tamén de acordo cos pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas que han de rexer o contrato.

Resulta escandalosa a evolución dos tipos de contratos do persoal que traballa nas instalacións deportivas municipais xa que en 2012 traballaban 71 persoas, das cales 46 tiñan xornada completa e 25 xornada parcial. Porén, tal e como lle transmitiu o Comité de Empresa ao Grupo Municipal do BNG, actualmente tan só hai 64 persoas, das cales só 34 o fan con xornada completa e 29 teñen xornada parcial.

A precarización é evidente á vista da evolución da tipoloxía de xornadas polas que se contrata o persoal do servizo que tamén supón un incumprimento dos pregos de prescricións técnicas como tamén o é a falta de dotación de medios materiais para o desenvolvemento do traballo, ou a vulneración das condicións laborais das traballadoras e dos traballadores, por exemplo tamén na imposibilidade de conciliar.

Outro dos momentos da concentración do cadro de persoal de Ferrovial, empresa que levas as instalacións municipais

Así pois, instamos na nosa moción a que o Goberno municipal estude coa máxima axilidade posíbel a evolución da tipoloxía dos contratos do persoal que traballa nos servizos complementarios das instalacións deportivas municipais; que estude se foron comunicados ao Concello da Coruña os cambios no cadro de persoal do dito servizo, xa que non facelo suporía unha infracción grave tal e como estabelecen os pregos que rexeron o contrato; que penalice, no seu caso, a empresa de acordo cos pregos que rexeron a contratación se se verifica que se minorou a cantidade de persoal ou que se contrataron novos traballadores ou novas traballadoras no servizo

Tanto a Inspección de Traballo como o Xulgado do Social téñenlle dado a razón ao Comité de Empresa en reiteradas ocasións sen que o Goberno municipal faga absolutamente nada ao respecto.

Xa non é a primeira vez que este Comité de Empresa neste mandato nos traslada a situación que sofren como traballadoras e traballadores mais que tamén inflúe na calidade do servizo, xa que a temporalidade dos e das traballadoras provoca que haxa unha descontinuidade do persoal que atende as instalacións como tamén inflúe a falta de medios materiais ou a modificacións dos horarios de traballo de xeito unilateral.

Para nós é lamentábel que o cadro de persoal das instalacións deportivas municipais tivera procurado en reiteradas ocasións a implicación e mediación do actual Goberno municipal mais que obtiveran como única resposta evasivas e en ningún caso firmeza ante esta empresa.

Así, defendemos con esta moción que o Concello da Coruña, como Administración responsábel do contrato, ten que velar por que se cumpra nas condicións recollidas nos pregos e polo tanto ten que garantir o cumprimento dos dereitos laborais das traballadoras e dos traballadores sobre todo tendo en conta que Ferrovial leva anualmente pola xestión deste servizo 1,5 millóns de euros anuais.

Polo tanto, demandamos que o Goberno local exixa á empresa o cumprimento do Convenio Colectivo de Instalacións Deportivas e Ximnasios da Comunidade Autónoma de Galiza e polo tanto cumpra coas súas obrigas de informar ao persoal fixo descontinuo da existencia de postos fixos e permitir que os soliciten así como a súa conversión en contratos a tempo completo cando esa sexa a xornada do posto vacante.

E solicitamos tamén que o Executivo da Marea Atlántica lle exixa á empresa que busque unha saída negociada no conflito polos horarios, no canto de impoñer o seu criterio, que poida ser anulado de novo pola xustiza e evite así un conflito que prexudica á cidadanía, ademais de aos traballadores e traballadoras; así como que lle exixa á empresa a dotación dos medios materiais para que as súas traballadoras e aos seus traballadores poidan desempeñar axeitadamente o seu traballo, tal e como estabelecen os pregos que rexeron a contratación.

A Coruña, 26 de marzo de 2018.

 

Noticias relacionadas:

 

Levamos a Pleno a situación das traballadoras e dos traballadores das instalacións deportivas