UNHA INICIATIVA DE FRANCISCO JORQUERA

Levamos a Pleno a intención de Naturgy de deslocalizar a Madrid o seu Centro de Operacións de Redes

Naturgy
Foto: La Opinión
Que o Pleno do Concello exprese a súa “rotunda oposición” á intención de Naturgy de desmantelar o seu Centro de Operacións de Redes na Coruña. Ese é o propósito que anima o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, a rexistrar unha moción que será debatida na próxima sesión plenaria da Corporación, a se realizar a principios de marzo.
Levamos a Pleno a intención de Naturgy de deslocalizar a Madrid o seu Centro de Operacións de Redes

A iniciativa insta o Goberno Municipal a se mover politicamente, con xestións perante o Estado, a Xunta e a propia empresa, para “demandar a continuidade do Centro de Operacións de Redes da Coruña e o mantemento dos postos de traballo”.

Mais ao mesmo tempo o BNG empraza o Executivo coruñés a que evite calquera mudanza de usos das instalacións de Naturgy na Avenida de Arteixo, para tornar inviábel calquera tentación especulativa por parte da empresa.

Quere tamén a formación nacionalista que na política de contratación de subministración eléctrica por parte do Concello se estime como criterio preferente a “xeración de emprego e de riqueza na Coruña”.

Na exposición de motivos desta iniciativa, Jorquera sinala que “non é presentábel que unha empresa que baixo distintos nomes comerciais (Fenosa, Unión Fenosa, Gas Natura Fenosa, Naturgy...) obtivo e obtén cuantiosos beneficios explotando recursos naturais do noso país manteña só en Galiza a compoñente de explotación do territorio sen retornar valor engadido nin riqueza a través da xeración de postos de traballo”.

Lembra Jorquera que xa en 2013 Naturgy “levou fóra” da Galiza a comercializadora de mercado libre (UFC) coa perda de 103 postos de traballo tamén na Coruña. Pois ben, desde o pasado 3 de febreiro coñecemos a intención da empresa de deslocalizar a Madrid o Centro de Operación de Redes da Coruña, situado na Avenida de Arteixo, o que, se se consumar, implicaría a desaparición de 30 empregos na nosa cidade.

A deslocalización, alerta Jorquera, tería a maiores un “importante impacto” no cadro de persoal, formado por traballadores e traballadoras “de idade media alta e cos seus proxectos de vida persoais asentados na área da Coruña”. Perderíanse postos de traballo e minguaría a calidade do servizo. O exemplo de Ourense, en novembro de 2019 Naturgy deslocalizou os seus servizos nesa cidade, é paradigmático: a atención ás persoas usuarias transferiuse a Reus (Catalunya) e Colombia. Obviamente, e entre outras consecuencias, ficou lesionado o dereito das e dos clientes a seren atendidas en galego.

Infelizmente, estes procesos de desmantelamento estanse a verificar perante a “indiferenza” dunha Xunta que aínda por riba, denuncia Jorquera, contratou a Naturgy en novembro de 2019 o fornecemento de enerxía para a Administración galega por valor de 170 millóns de empresas,  sen a lóxica contrapartida de a compañía non causar destrución de emprego no noso país.

Con esta moción, o BNG insta tamén o Concello a que demande da Xunta que no próximo contrato centralizado de enerxía eléctrica para a Rede de Enerxía da Xunta, ben como en calquera convenio relativo a subministracións eléctricas da administración galega, “se inclúa como criterio fundamental a prestación en Galiza dos servizos técnicos e de soporte asociados”.

 

 

 

 

Levamos a Pleno a intención de Naturgy de deslocalizar a Madrid o seu Centro de Operacións de Redes