ROGO ORAL AO GOBERNO CORUÑÉS POR PARTE DE AVIA VEIRA
O Consello da Memoria Democrática leva sen ser convocado desde novembro de 2019
As tarefas pendentes que en materia de memoria histórica ten o Concello non son poucas, salienta Avia Veria, polo que cómpre que o CMD se reúna canto antes a efectos de dar impulso a eses traballos.
Na súa última reunión, o Consello da Memoria Democrática acordou “a continuidade dos traballos de retirada da simboloxía franquista, iniciados no mandato pasado” e resolveu tamén volver abrir a Oficina de Atención ás Vítimas do Franquismo.
Estes acordos viraron papel mollado e fican aínda por se materializar. “Entendemos que nos meses de confinamento [o CMD] non se puidese convocar, mais desde aquela pasaron moitos meses e os membros do CMD deben de lle facer seguimento aos traballos encargados e ir activando as medidas que destes traballos se deriven”, di Avia Veira.
Canto á Casa Cornide, a edil nacionalista volve urxir o Goberno Local a “presentar o antes posíbel a demanda xudicial para a súa recuperación, toda vez que sabemos que o Goberno Local xa solicitou a declaración de BIC, conta cun informe xurídico da Universidade da Coruña e coñece tamén o pronunciamento do TSXG sobre o Pazo de Meirás”.