DESVÍA A CUESTIÓN Á PASARELA DE PEDRALONGA, SEN PARTIDA ESPECÍFICA, E AO DIÑEIRO EUROPEO PARA AS LUMINARIAS

Lage non é quen de referir xestións concretas da alcaldesa para mellorar os orzamentos do Estado e galegos

Francisco Jorquera. Pleno do 3 de decembro de 2020.
“En que quedou o contrato de Pedro Sánchez coa cidade do que falaba Inés Rey nada máis tomar posesión?, perguntouse esta tarde no Pleno Francisco Jorquera.
Lage non é quen de referir xestións concretas da alcaldesa para mellorar os orzamentos do Estado e galegos

A xulgar pola resposta dada polo portavoz do Goberno Local, José Manuel Lage, o contrato de Pedro Sánchez coa cidade limítase ao desbloqueo da licitación da Pasarela de Pedralonga e ao diñeiro, fondos europeos, que se vai destinar a renovar as luminarias da cidade.

“Este Goberno Local fixo as xestións precisas para acadar investimentos longamente demandados, entre outros a nova estación intermodal, ou a dragaxe da Ría do Burgo”, dixo Lage ao ser interpelado polo BNG a respecto de que xestións fixera a alcaldesa para A Coruña ser ben tratada nos orzamentos do Estado e galegos.

Os orzamentos do Estado son claramente discriminatorios con Galiza, argumentou Jorquera, e neles non se ve por ningures a influencia política da alcaldesa. E puxo varios exemplos: o Goberno central négase a ceder o antigo cárcere, en estado ruinoso, e apela ao réxime xurídico especial do patrimonio de Defensa para negar a transferencia ao Concello de terreos e instalacións militares en desuso. Mais, en contraste, cede ao Concello de Donostia o cuartel de Loyola, co conseguinte traslado dos 500 militares alí destinados.

Os orzamentos do Estado son claramente discriminatorios con Galiza, argumentou Jorquera, e neles non se ve por ningures a influencia política da alcaldesa

E, claro, hai máis: condona a débeda do porto de Valéncia, por volta de 400 millóns de euros, sen destinar nin un só euro ao porto coruñés, votando contra a emenda do BNG que solicitaba 200 millóns para a transformación dos peiraos interiores, unha cantidade equivalente ao débito contraído pola Autoridade Portuaria pola construción da dársena exterior, unha obra de titularidade estatal.

O mesmo acontece co enlace ferroviario a Punta Langosteira. Cero euros, cando se destinan 140 millóns a financiar o acceso sur ao porto de Castellón. Onde estiveron aquí as xestións da alcaldesa?

Lage desviou a cuestión á consecución duns fondos europeos, 12,6 millóns de euros, para a renovación das luminarias da cidade, un asunto extra-orzamentario. “A alcaldesa segue a facer xestións. Estas non rematan coa aprobación do orzamento e creo que dará cumprida conta nas vindeiras semanas de máis cuestións”, avanzou.

Lage desviou a cuestión á consecución duns fondos europeos, 12,6 millóns de euros, para a renovación das luminarias da cidade, un asunto extra-orzamentario. 

“En que quedou logo o contrato de Pedro Sánchez coa cidade? No alumeado e na Pasarela de Pedralonga”, perguntouse Jorquera. Esa actuación no cadro da reforma da Vedra carece dunha partida orzamentaria específica.

O voceiro do BNG foi tamén moi crítico cos orzamentos galegos. Apenas destinan 1,8% dos investimentos territorializados na nosa cidade. “Menos dunha cuarta parte do que nos correspondería. Menos da metade do que a Xunta inviste en Vigo. Menos, coa que está caíndo, do que investiu o ano pasado”, denunciou.

Lage concordou aí con Jorquera e dixo que os investimentos da Xunta na Coruña ascenden ao 0,6% dos orzamentos da Xunta.

O voceiro do BNG foi tamén moi crítico cos orzamentos galegos. Apenas destinan 1,8% dos investimentos territorializados na nosa cidade

Ante as evidencias de quer os orzamentos do Estado quer os galegos non lle daren un trato xusto á nosa cidade, Jorquera quixo saber se a alcaldesa se reunira con Feixoo, Sánchez ou no mínimo Abalos. “A Xunta e o Goberno central son os responsábeis duns orzamentos que maltratan A Coruña. Mais que fixo a alcaldesa para se facer respectar. Porque, como xa lle temos dito, liderar a cidade esixe resultados, non só declaracións. Demostrar con feitos a capacidade de diálogo e que son capaces de se faceren valer”.

Por toda resposta, Lage avanzou que “a alcaldesa está pendente dun encontro co presidente da Xunta”. A xuízo do BNG, este encontro debeuno ter antes, para influír na elaboración dos orzamentos.

Lage non é quen de referir xestións concretas da alcaldesa para mellorar os orzamentos do Estado e galegos