O Goberno Local dille ao BNG que estuda a proposta da Xunta sobre o novo CHUAC para ser menos gravosa para o Concello
“Debemos manter a colaboración institucional, mais tamén entendemos que as esixencias da Xunta de Galiza [a Administración autonómica pide que o Concello cofinancie as obras con 22 millóns de euros] deben ser estudadas de forma pormenorizada e iso é o que estamos facendo”, respondeu Lage a Avia Veira. A concelleira do BNG pediulle ao Goberno Local que non cofinancie a ampliación do CHUAC ao ser unha infraestrutura de carácter supramunicipal.
“Podemos entender que os viarios os constrúa o Concello porque non van ser de uso exclusivo do Hospital, senón que van dar servizo aos barrios da cidade, mais o que non é comprensíbel é que sexa o Concello da Coruña quen teña que mercar o solo para a ampliación do CHUAC cando estamos a falar dunha infraestrutura supramunicipal”, sostivo Avia Veira.
Na súa resposta, Lage revelou que o Goberno Local deu traslado da proposta de convenio feita pola Xunta á Intervención Municipal, Secretaría Xeral, ao Servizo de Xestión Tributaria, e á Asesoría Xurídica.
“A proposta da Xunta ten que ser estudada en detalle e con rigor”, dixo o portavoz do Goberno Local, “e tendo en conta tamén os intereses da Facenda municipal. Iso non vai impedir que haxa entendimento, pero por poñer un exemplo a proposta que fai a Xunta a día de hoxe non se axusta á Lei Xeral de Subvencións e polo tanto haberá que negociar os termos ecónómicos e o encaixe legal”.
“O Goberno Feixóo está a presionar o Goberno Local para que poña diñeiro en políticas que son de competencia exclusiva da Administración galega”, denunciou Avia Veira, ao tempo que lle pediu ao concelleiro de Facenda firmeza na defensa dos intereses do Concello.