Lage comprométese con Jorquera a "seguir exercendo presión" para obter xustiza para Diego
O 5 de marzo pasado, e a instancias do BNG, o Concello aprobaba unha Declaración Institucional en que se condenaba o que se cualificaba como asasinato de Diego Bello por parte da policía filipina.
Tres meses despois, o crime continúa impune e é por iso que Francisco Jorquera dirixiu unha pregunta oral ao Goberno Local sobre que xestións ten feito neste tempo para avanzar no esclarecemento dos feitos e na depuración de responsabilidades polo asasinato do mozo coruñés
"Non abonda con que o Concello aprobe unha Declaración Institucional. É necesario acompañar esa declaración de xestións e accións políticas sistemáticas para que este crime non fique impune", dixo Jorquera.
O portavoz soberanista entende que desde o 5 de marzo se produciron dous acontecimentos significativos. O primeiro, que o Goberno español informou o deputado do BNG no Congreso Néstor Rego sobre a abertura en Filipinas de catro liñas de investigación arredor do asasinato. O segundo, as ameazas de morte lanzadas polo presidente do país asiático, Rodrigo Duterte, ás persoas que se saltasen o confinamento pola pandemia da Covid-19.
Teme Jorquera que a apertura formal das investigacións non sexa máis que unha manobra de distracción, se non van acompañadas de presións políticas desde o Estado español. E canto ás ameazas proferidas por Dutarte estaríamos perante a confirmación da súa condición de auténtico gangster que "converteu a policía en auténticos escadróns da morte con licenza para matar".
Canto ás xestións feitas, Lage explicou que o Goberno Local se dirixiu ao do Estado e que a alcaldesa se puxo en contacto co persoal diplomático español en Malina para que se promovese unha investigación independente.
"A nosa obriga moral e ética é facer o que estamos facendo. Debemos continuar a exercer presión. Ese é o noso compromiso", concluíu Lage.