#PLENOABRIL: AS PREGUNTAS ORAIAS

Fontán di que continúa a defender o modelo húmido-seco, mais o PSOE rexeitou no Congreso unha emenda do BNG á Lei de Residuos que o preservaba

FJ no Pleno
FJ no Pleno
A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, dixo esta tarde, no Pleno do Concello, que o Goberno Local continúa a defender o modelo húmido-seco de recollida de residuos propio de Nostián (a separación faise en planta e hai 4 contentores de lixo), mais o PSOE votou no Congreso contra unha emenda do BNG á Lei de Residuos que si o preservaba.
Fontán di que continúa a defender o modelo húmido-seco, mais o PSOE rexeitou no Congreso unha emenda do BNG á Lei de Residuos que o preservaba

A nova Lei de Residuos, impulsada polo Goberno do Estado, obriga a instalar un quinto contentor na rúa (para os envases) e vai na liña de Sogama, afastándose claramente do modelo Nostián. A emenda do BNG, que foi rexeitada, recollía as alegacións formuladas polos concellos galegos que optaron polo modelo húmido-seco (A Coruña, os concellos das Mariñas e os da Mancomunidade da Serra da Barbanza).

“Onde está o peso, a influencia do Goberno Municipal, ante o Goberno central? Conseguiron convencer o Goberno central para que mude de criterio?”, inquiriu o voceiro nacionalista, Francisco Jorquera, a concelleira de Medio Ambiente. A resposta é que non, pois a Lei de Residuos foi aprobada nos seus termos.

O problema é que a adaptación do modelo coruñés á nova Lei de Residuos pode enlentecer aínda máis a conclusión dos pregos para o novo contrato de Nostián, unha concesión que xa caducou o 1 de xaneiro de 2020.

A este respecto, Fontán dixo que “os pregos de Nostián sairán neste mandato, pero non sacaremos pregos do século XX, serán pregos do século XXI”.

Mentres tanto, as instalacións de Nostián continúan a se degradar e o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ten ratificado condenas a Albada, a concesionaria, por non ter selado aínda o vertedoiro, cos evidentes riscos medioambientais que iso comporta.

FJ 3
Jorquera, a escoitar a resposta de Fontán

“Vai adoptar algunha medida o Goberno Local para obrigar a que se sele o vertedoiro?”. A pregunta de Jorquera non obtivo unha resposta concreta.

“Temos serias dúbidas de que o Goberno Local teña unha estratexia para resolver os problemas do lixo en todos os chanzos: limpeza, recollida e tratamento”, avaliou Jorquera, quen se referiu na súa intervención ao conflito habido na cidade co servizo de limpeza e recollida de lixo. “Aledámonos de que se chegase a un acordo para pór fin, por agora, ao conflito. Digo por agora porque hai problemas enquistados que poden provocar que o conflito, tarde ou cedo, volva emerxer”, advertiu.

A ese respecto, esclareceu Jorquera que o cadro de persoal ten todo o dereito a reclamar melloras salariais e o estrito cumprimento das condicións de seguranza e hixiene no traballo, mais ao mesmo tempo remarcou que “os criterios de contratación do persoal e de promoción interna teñen que ser equitativos e transparentes. Non son competencia dun grupo nin dun señor. Sono da concesionaria. E o Concello ten que velar pola equidade e transparencia nos criterios de contratación”.

A Sareb

Na quenda de preguntas ao Goberno Local, a concelleira nacionalista Avia Veira inquiriu o concelleiro de Urbanismo, Fran Díaz Gallego, sobre as negociacións establecidas polo executivo coruñés coa SAREB para a cesión ao Concello dos inmóbeis de que é titular na nosa cidade.

Díaz Gallego dixo que o Goberno Local mantivo até 7 reunións coa SAREB (en xuño, agosto, 3 en setembro, novembro, en 2021; e unha sétima en febreiro de 2022). Mais esas conversas non frutificaron en ningunha cesión.

E iso porque, argumentou Díaz Gallego, a SAREB non é dona da promoción Epamar en Palavea nin, segundo as informacións facilitadas polo banco mao ao Concello, de ningún inmóbel na Coruña.

En realidade, a SAREB sería titular dun préstamo hipotecario sobre a promoción Epamar. “O problema é que non executa o empréstito ao seu favor para se facer coa propiedade e para, a seguir, cederlle as vivendas ao Concello”, remarca Avia Veira.

Díaz Gallego indicou que, se se consultar a web da SAREB, se verá que esta entidade ten na cidade 42 inmóbeis, pero en realidade, subliñou, ningún deles estaría disponíbel para a cesión, porque “son vivendas xa comercializadas ou xa ocupadas”.

AV
Avia Veira, durante o Pleno

A SAREB teríalle dito ao anterior concelleiro de Urbanismo que “xa se está a chegar a un acordo cunha empresa” non para “a adquisición das vivendas, senón do crédito” coa finalidade de o executar e de pór os inmóbeis no mercado.

Do dito polo concelleiro, dedúcese que o Goberno Local foi incapaz de negociar politicamente coa SAREB, unha entidade controlada polo Estado, para que esta entidade executase ao seu favor o empréstito sobre a promoción Epamar e, consecuentemente, se fixese co control das vivendas para, con posterioridade, cederllas ao Concello, tal e como lle mandatou o Pleno do Concello ao aprobar en maio de 2021 unha moción do BNG.

“A cuestión é que hai que chamar a Madrid. Hai que falar coa SAREB”, dixo Veira, antes de interpelar directamente a alcaldesa. “Vostede, señora Rey, prometía desbloquear os grandes asuntos da cidade grazas á complicidade coa Moncloa. Dicía vostede que en paralelo co Goberno Sánchez poderemos desenvolver na cidade grandes proxectos pendentes. O tema da vivenda pública é un grande proxecto pendente, pero o que vemos é que nin en paralelo nin en perpendicular tomaron vostedes as decisións oportunas para facerse con esas vivendas da SAREB”, concluíu Veira.

 

Fontán di que continúa a defender o modelo húmido-seco, mais o PSOE rexeitou no Congreso unha emenda do BNG á Lei de Residuos que o preservaba