O ABANDONO DO RÍO MESOIRO ESPELLA A FALTA DE COIDADO DOS ENCLAVES RURAIS NO NOSO CONCELLO
Jorquera visita Mesoiro Vello e Vío e partilla as demandas veciñais de humanización destes núcleos
“A Coruña non é só o Ensanche, Santa Lucía, a Pescaría e a Cidade Vella. A Coruña tamén é San Pedro de Visma, San Vicenzo de Elviña, tamén Feáns, tamén é Mesoiro Vello, tamén é Vío”, afirma Francisco Jorquera, quen a seguir salienta que “nesta cidade tamén temos medio rural”. E nese sentido relata: “Hoxe estivemos de visita, convidados polas veciñas e veciños de Mesoiro Vello e Vío, quen nos trasladaron non poucas demandas de mellora e de humanización deses núcleos de poboación, todas elas moi razoábeis”.
Vivir na Coruña nun medio rural non pode ser sinónimo de marxinación, resaltou o voceiro nacionalista. Estes núcleos teñen un enorme potencial se se terma deles e non se deixan no abandono. O exemplo máis claro, o Río Mesoiro, o cauce fluvial que “na cidade coñecemos como Río Monelos” e que neste momentos presenta un aspecto deplorábel, arrodeado de instalacións industriais e dunha maleza selvática que tapa a vista, con pólas de árbores tronzadas que ameazan con caer sobre restos dun antigo muíño, pedras que, porén, forman uns bonitos pasais por riba do curso da auga.
“O Río Mesoiro non pode ser un espazo degradado, por iso comprométemos a presentar iniciativas ante o Pleno do Concello para que se limpen as súas marxes, para que se vexa acompañado de roteiros peonís”, anunciou.
“Desde o Concello é preciso que se faga unha aposta pola humanización destes núcleos, dotándoos de zonas verdes, de equipamentos, de servizos. Cómpre dignificar o medio rural que temos na nosa cidade. Ese desde logo é o noso compromiso”, di Jorquera.
O portavoz nacionalista comprobou in situ que hai múltiples tarefas que acometer para dignificar estes lugares da nosa cidade. Desde eucaliptais situados a menos de 50 metros de núcleos habitados (e que foron cortados sen xeito, polo que volveron agromar) até unha fermosa casa abandonada, en Vío, que se fose convenientemente restaurada podería virar nun centro cívico para a veciñanza. E nesa dirección tamén o Estado tamén ten algo a dicir, cun terreo propiedade do Ministerio de Fomento actualmente en desuso e que podería acoller un parque público para o lecer das veciña e dos veciños.