UNHA INICIATIVA DE DAVID SOTO PARA O #PLENOOUTUBRO
Fica pendente de cumprimento o acordo para se materializar a suba salarial na Conserxaría das Instalacións Deportivas
Soto vaille formular unha pregunta oral ao Executivo coruñés co seguinte teor: “Como valora o Goberno a situación laboral das e dos conserxes das instalacións deportivas municipais?”
No acordo que posibilitou a aprobación dos orzamentos actualmente vixentes figuraba unha cláusula en virtude da cal o Goberno Local comprometíase a aumentar a dotación para a conserxaría das instalacións deportivas municipais, de modo a materializar a suba salarial pactada pola concesionaria e o cadro de persoal hai xa 14 meses.
“Unha suba salarial que tiña como obxectivo que as traballadoras e os traballadores alcanzasen o salario mínimo interprofesional sen necesidade de o facer a través dos pluses. O SMI é o salario base, ten que chegarse a el sen necesidade de acumular pluses”, explica David Soto.
A empresa non puido satisfacer esa suba salarial argumentando que a achega económica do Concello é insuficiente, de aí que o BNG negociase o aumento dos fondos durante a elaboración dos orzamentos correspondentes ao actual exercicio.
“O problema é que ese acordo orzamentario continúa sen se cumprir por parte do Goberno Local. Os acordos están para se cumprir. Se o Goberno Local quere continuar a contar connosco, ten primeiro que se ater ao pactado”, remarca o concelleiro nacionalista.
Co contrato xa caducado, a situación do cadro de persoal é a día de hoxe moi precaria. “Falamos de traballadoras e traballadores que, polas súas condicións laborais, teñen que prestar servizo a altas horas da noite e, porén, o seu salario, descontados os pluses, non alcanza o SMI”. “Alén diso, case 50% das traballadoras e traballadores teñen contratos a tempo parcial.
“Desde o BNG desde logo que estamos comprometidos coa mellora desta situación. Por iso no acordo dos orzamentos nos preocupamos de que se incluíse unha partida específica. É moita hora xa de que o Goberno Local a execute”, conclúe Soto.