COMPARECENCIA ANTE OS MEDIOS EN BETANZOS-INFESTA
Jorquera sitúa a modernización da liña ferroviaria entre Ferrol e A Coruña como clave para o Golfo Ártabro
Na comparecencia informativa, Jorquera tomou brevemente a palabra para afirmar que a modernización da liña ferroviaria entre Ferrol e A Coruña non só é necesaria para acabar co illamento da cidade departamental, senón que tamén serviría para “articular o Golfo Ártabro, unha rexión do noso país que ten unha poboación de por volta de 600 mil habitantes”. “Se esa área tivese unha boa conexión por camiños de ferro entre os seus dous puntos máis populosos, imaxinade a potencialidade que tería”, díxolles Jorquera aos medios.
A modernización debería levar aparellada tamén a creación de servizos ferroviarios de proximidade “que contribúa a articular a área da Coruña”. Nese sentido Jorquera remarcou que “entre Betanzos e A Coruña esta liña pasa por Guísamo, Cecebre, Cambre, O Burgo, Acea da Ma, Fonteculler, as Xubias...”. O lóxico sería que como servizo de proximidade entroncase tamén cos polígonos industriais e chegase ao corazón da cidade, “aproveitando a infraestrutura ferroviaria do porto”.
Estamos a falar, por tanto, dunha “solución para os problemas de mobilidade en toda a área da Coruña”. “Trataríase de construír o bypass en Betanzos, mais tamén de electrificar a liña, corrixir trazados sobre todo nas curvas máis pronunciadas, incrementar os puntos de cruzamento para que podan circular os trens nas dúas direccións e habilitar aparcamentos disuasorios nas estacións”, estendeuse Jorquera.
“E non falamos dun investimento descomunal. Falamos de adaptar unha liña ferroviaria máis propia do século XIX ás necesidades do século XXI”, concluíu.