AVALIACIÓN DE FRANCISCO JORQUERA
"O encontro de Avilés chega tarde. A alcaldesa tense que reunir coa ministra e co titular de Industria da Xunta"
O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, avalía nestes termos a visita feita onte pola alcaldesa da Coruña á súa homóloga de Avilés: “Parécenos ben que respondendo a unha demanda dos traballadores se faga unha fronte común, mais este movemento chega tarde e é insuficiente”. O voceiro nacionalista insta Inés Rey a que se reúna canto antes coa ministra Reyes Maroto e o titular das competencias de Industria da Xunta, Francisco Conde”.
“A alcaldesa”, reclama Jorquera, “ten que liderar esta cidade e instar o Goberno central e a Xunta de Galiza a que exerzan as súas competencias, interveñan a planta e garantan o mantemento dos postos de traballo”.
“Para demandar ao Goberno central e aos gobernos autonómicos medidas para garantir o emprego e para esixir a convocatoria da mesa de seguimento da venda das antigas plantas de Alcoa na Coruña e Avilés non era preciso viaxar a Asturias”, argúe o voceiro nacionalista.
Jorquera lembra que xa en maio de 2020, e a iniciativa do BNG, o pleno do Concello aprobou unha moción en que se pedía a investigación da revenda da antiga Alcoa ao Grupo Riesgo e que se estudase cantas alternativas fosen precisas, incluída a da intervención pública, para asegurar a pervivencia dunha planta que fai parte dun sector industrial estratéxico. En xaneiro de 2021, tamén a instancias do Bloque, o Pleno volveuse pronunciar nos mesmos termos.
E tamén será por iniciativa do BNG que o Goberno Local teña que responder no pleno do vindeiro xoves 8 de abril a unha pregunta de Francisco Jorquera sobre que xestións ten feito directamente a alcaldesa para evitar peches (Alu Ibérica) ou deslocalizacións (Centro Operativo da Rede Norte de Naturgy) de industrias estratéxicas na nosa cidade.