Jorquera reclama que as necesidades da pesca se teñan moi en conta no deseño da nova fachada marítima
“As súas achegas foron moi interesantes. Concordamos con eles en que a pesca necesita certezas”, afirma o portavoz do BNG. “A Coruña é un porto pesqueiro e necesariamente ten que continuar a selo. Na futura fachada marítima a pesca non pode ser un elemento marxinal ou decorativo, dada a súa enorme importancia económica, social e mesmo cultural”, engade.
Hai que partir dunha evidencia, a de que a pesca non só “son barcos que amarran e descargan peixe na Coruña”. É moito máis do que iso, cunha potente industria auxiliar, loxística e comercializadora ao seu arredor. “É motor económico e desde logo non concibimos unha Coruña en que deixe de o ser”, remarca.
Por tanto, cómpre ter moi en conta as necesidade da pesca “á hora de definir o plan de usos portuarios e á hora de deseñar a nova fachada marítima da Coruña”, conclúe.
Estas comparecencias, como as anteriores, tiveron lugar no salón vermello do Pazo de María Pita.