AVALIACIÓN DE URXENCIA
Orzamentos da Xunta para 2025: a Xunta volve virarlle as costas á Coruña
O grupo municipal do BNG fai a seguinte avaliación de urxencia dos orzamentos da Xunta para 2025 en relación á nosa cidade, valoración que nos próximos días faremos máis polo miúdo.
1.-Os orzamentos, tal e como están pendurados na web da Xunta, son opacos e dificultan a avaliación a respecto das partidas territorializadas na cidade.
A falta de transparencia é intencionada para logo a Xunta aplicar discrecionalmente e sen control o diñeiro orzado.
2.-O que si podemos facer é unha avaliación dos datos facilitados aos medios. E nese sentido a propaganda despregada pola Xunta non dá ocultado que máis unha vez o goberno galego en mans do PP vira as costas á Coruña.
Son orzamentos totalmente insuficientes para dar resposta aos principais problemas sociais: nin hai unha aposta decidida polas políticas de vivenda nin se reforzan os servizos públicos (ensino e sanidade prioritariamente).
A cantidade global que se encamiña á cidade e á comarca descende a respecto de 2024: pasa de 128 millóns de euros (107 para A Coruña, 21 para os concellos lindeiros) a 115 (101 para A Coruña, 14,4 para os concellos lindeiros).
O maior descenso concéntrase na comarca, cun 33% menos de recursos orzamentarios.
A caída global (cidade máis comarca) fica no 10,1%.
Este retroceso demostra que A Coruña e a comarca están moi lonxe de ser unha prioridade para a Xunta.
3.-As dúas partidas con maior dotación (16,6 millóns de euros para Intermodal, 37,6ME para o novo Chuac) merecen un comentario aparte.
A previsión inicial para a intermodal era que en 2025 se orzasen 9,2ME. Que aparezan 16,6 parece responder a que se despraza a 2025 diñeiro non executado en 2024.
Canto ao Chuac, a cantidade orzada para 2025 é inferior á de 2024 (41,1M) cando ademais a previsión, no calendario plurianual, era a de destinar 100,5ME. Evidencia de as obras iren con moito retraso.
4.-Como xa aconteceu en orzamentos anteriores, non aparecen fondos para crear escolas infantís ou centros de día.
5.-Sobre a partida de Vivenda destinada a Xuxán, cómpre lembrar que en 2024 apenas se executou 33% do orzamento destinado á vivenda de protección oficial.
6.- Volven aparecer partidas que existiron noutros orzamentos pero que nunca se executaron: a residencia de maiores a financiar pola Fundación Amancio Ortega e a plataforma flotante do Parrote.
No pasado esas partidas só serviron para inflar o orzamento: nunca se executaron.
7.- O incremento do 10% da partida para a Orquestra Sinfónica é totalmente insuficiente (pasa de 300 mil a 330 mil euros). Se descontamos a inflación, sería apenas 7% de aumento. Unha cantidade irrisoria tendo en conta que a débeda da Xunta coa OSG supera os 5M.
8.-Volve aparecer unha partida para o Albergue de Peregrinos. En 2024 foi de 1,5M. Non se executou. Agora van 1,1.
9.-Desce a cantidade destinada a obras en centros educativos. Pasa de 8,2M de 2024 a 6,9, totalmente insuficiente para atender as demandas da comunidade educativa.
10.-A partida que aparece para o centro de saúde de Santa Lucía (2,1M) é a mesma que a de 2024, isto é, é unha cantidade que non se executou e que se despraza ao vindeiro exercicio.