BIBLIOTECAS, COBERTURA DE PRAZAS NO ÁGORA E NO FÓRUM, FESTAS DOS BARRIOS PARA 2025

O BNG critica os últimos pasos do Goberno Local en política cultural

Conferencia de prensa de Mercedes Queixas sobre a política cultural no principio de mandato. 20 de setembro de 2023.
Mercedes Queixas, nunha conferencia de prensa
A concelleira do BNG Mercedes Queixas vólvelle esixir ao Goberno Local o cumprimento dos acordos asinados co BNG en materia de política cultural, ben como tamén lle pide que abandone “a política de improvisación e de anuncios” e que dialogue cos sectores afectados. “Fai falta unha outra política cultural, feita con rigor e responsabilidade”, alega.
O BNG critica os últimos pasos do Goberno Local en política cultural

Tres episodios recentes -o anuncio sobre as bibliotecas feito pola alcaldesa, a cobertura das prazas de dirección do Ágora e do Fórum Metropolitano por medio de comisións de servizo e o compromiso orzamentario para as festas dos barrios de 2025- volven mostrar, a ollos do BNG, que o Goberno Local se continúa a comportar como se tivese maioría absoluta -cando nin sequera a ten relativa- e que continúa a tomar decisións sen as consultar previamente cos sectores afectados e sen falar co BNG, a pesar de ter compromisos asinados nesta materia.

Así, canto ao anuncio feito pola alcaldesa sobre as bibliotecas Queixas resalta que “este acordo non se tomou en ningún órgano do Concello”, polo que o BNG esíxelle ao Goberno Local “o cumprimento das resolucións que si se adoptan na Comisión de Bibliotecas, isto é, o establecemento dun calendario concreto para a unificación da rede e o diálogo permanente coas traballadoras e traballadores afectados” que en ningún momento foron informados de forma directa por parte do Executivo coruñés.

Canto á cobertura de prazas de dirección no Ágora e no Fórum, Queixas critica que se opte por as prover a través de comisión de servizo -de xeito temporal, con apenas 5 días para a presentación de candidaturas e sen  que se garanta a necesaria formación e experiencia no campo da xestión cultural- no canto de convocar un concurso aberto que permita o desenvolvemento dun proxecto estábel para centros que son referentes na cidade. “Cubrir as prazas dese xeito contradí os acordos alcanzados co BNG”, resalta Queixas.

O BNG esíxelle ao Goberno Local “o cumprimento das resolucións que si se adoptan na Comisión de Bibliotecas, isto é, o establecemento dun calendario concreto para a unificación da rede e o diálogo permanente coas traballadoras e traballadores afectados"

Por último, o Goberno Local acaba de anunciar un orzamento de 500 mil euros para as festas dos barrios de 2025. “Temos que dicir que o fai en contra do criterio de algunha das asociacións veciñais e sen un diálogo previo”, remarca Queixas.

E é que a decisión de destinar ese diñeiro ás asociacións veciñais adoptouna o Goberno Local no Consello Reitor do IMCE antes de se reunir con algunhas delas. “E nese Consello Reitor”, revela Queixas, “o BNG votou en contra por comprometer orzamentos do ano 2025 cando aínda non comezamos a negociar esas contas, ao estaren pendentes de cumprimentos acordos asinados para o presente exercicio”.

“Desde o BNG esiximos o cumprimento dos acordos, non aceptamos esta política de parches, improvisación e anuncio e lembrámoslle ao Goberno Local que está en minoría e que necesariamente ten que dialogar”, conclúe Queixas.

 

 

 

 

 

 

O BNG critica os últimos pasos do Goberno Local en política cultural